Un informe destaca o récord histórico na matrícula de ensinanzas oficiais da UNED na última década

LugoXa
Destacouse o éxito do programa UNED Sénior neste curso 2024-2025, que conta con 128 persoas inscritas nas seis materias ofertadas
UNED-poner-en-valor
6 Dec 2024

A Xunta Reitora do Centro Asociado da UNED en Lugo celebrou a súa reunión anual. A sesión estivo presidida polo vicerreitor adxunto de Centros Asociados, Íñigo Tejera, e contou coa asistencia da directora do centro, Ana Belén Traseira Pena; o secretario do centro; a concelleira Ana Abelleira; o deputado provincial Pablo Rivera; a alcaldesa de Viveiro; o representante do Persoal Técnico de Xestión e Administración e Servizos (PTGAS); e a representante do profesorado titor.

Durante o encontro, a directora presentou un informe no que destacou o récord histórico na matrícula de ensinanzas oficiais na última década, alcanzando un total de 1.115 estudantes no curso actual, o que supón un crecemento do 9 % respecto ao curso anterior. Este logro consolida á UNED de Lugo como un referente no Campus Noroeste e reafirma o seu compromiso cunha educación accesible e de calidade.

Así mesmo, destacou o éxito do programa UNED Sénior neste curso 2024-2025, que conta con 128 persoas inscritas nas seis materias ofertadas. Este programa, que promove o coñecemento ao longo da vida, inclúe formación en áreas como inglés, historia do cinema galego e tertulias literarias, cubrindo todas as prazas dispoñibles e reflectindo o interese crecente desta iniciativa.

En relación á programación de extensión universitaria, informouse de que o curso pasado acadou cifras de récord, consolidándose como un piar fundamental da actividade do centro. Durante a reunión, aprobouse a nova programación para o curso 2024-2025, que inclúe máis de 80 actividades, das cales 61 se desenvolverán en Lugo e o resto nas aulas de Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Foz. Esta programación abrangue temas de actualidade e relevancia social, como a crise climática, a inclusión social, a innovación tecnolóxica e a saúde mental, co obxectivo de superar os éxitos acadados previamente.

A directora salientou, ademais, os avances en sustentabilidade da UNED de Lugo, destacando a obtención, por primeira vez, do selo REDUZO do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), un recoñecemento ao compromiso do centro coa sustentabilidade. Tamén subliñou proxectos emblemáticos como Centros que Deixan Pegada e Comercios que Deixan Pegada, e iniciativas de aprendizaxe-servizo como a Gran Recollida de Alimentos. Ademais, destacou a incorporación ao programa STEMBach, que reforza a aposta pola formación científica e tecnolóxica.

O encontro concluíu cun recoñecemento ao esforzo e compromiso do equipo da UNED de Lugo, que permitiu acadar estes logros e consolidar o centro como un referente educativo e social.

⚙ Configurar cookies
0.083625793457031