Un informe sobre o lobo prioriza os plans de xestión e pide máis indemnizacións
O estudo desenvolvido por investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus Terra xunto co Indurot revela que a poboación asturiana está a favor da conservación do lobo, pero urxe medidas máis eficaces e non gravosas para a súa economía, ao tempo que critica a influencia excesiva do movemento ecoloxista na regulación do estatus desta especie.
O informe técnico sobre a percepción social do lobo elaborado por investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC en colaboración co Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo revela un sentir maioritario da poboación do Principado de Asturias pola aplicación de plans de xestión específicos que favorezan a conservación e o control desta especie en cada territorio, ao tempo que considera “escasas” cando non insuficientes as indemnizacións polos danos provocados por este felino nas reses de gandería extensiva que se atopan no monte.
Este estudo científico, que ten como primeiro asinante ao investigador Andrés Osoro Corsino, graduado en Enxeñaría Agraria e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, e no que tamén participan os profesores na EPS de Enxeñaría Ibán Vázquez González e César Pérez Cruzado, ademais do catedrático de Zooloxía Carlos Nores, que tamén é colaborador do Indurot, afonda sobre a diferente percepción social da poboación urbana e rural respecto da actual situación e sobre a súa xestión do lobo ibérico, logo súa inclusión, a finais de 2021, no Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial (LESRPE).
A oportunidade deste informe vén xustificada, segundo indica Osoro, polo novo escenario de análise e debate sobre o estatus do lobo que vén de abrir a Comisión Europea. De feito, neste estudo, focalizado na realidade asturiana e na percepción social existente na rexión sobre o lobo, analízanse as respostas recibidas dos preto de 350 participantes que contestaron a un amplo cuestionario sobre o conflito do lobo.
A problemática pouco menos que ancestral que provoca a convivencia do lobo ibérico coa ganadería extensiva, xa sexa gando vacún, ovino, caprino ou cabalar) en espazos naturais non deixou de agravarse logo da inclusión desta especie felina na LESRPE, segundo subliña Osoro Corsino e tal e como atestiguan as conclusións dun informe no que se cuestiona a imposibilidade de adoptar ningunha medida para controlar as poboacións de lobo logo da súa exclusión do listado de especies cinexéticas nas distintas comunidades autónomas.
Fronte ao progresivo incremento da poboación de lobo ibérico en Asturias, onde se pasou de 21 manadas a 41 nas últimas dúas décadas, e logo dos danos económicos cada vez maiores que provoca, os autores deste estudo apuntan que a inclusión deste especie na LESRPE, compromete o futuro da ganadería en réxime extensivo, tal e como o constatan o incremento das reses atacadas e o volume das indemnizacións por este motivo.
O investigador principal deste estudo, Andrés Osoro Corsino, comentou que a radiografía obtida respecto da situación do lobo no Principado de Asturias non se pode aplicar a Galicia, sobre todo polas diferencias dos sistemas de produción gandeira existentes en cada rexión. Osoro comentou asemade que a EPS de Enxeñaría trasladará este informe técnico ás distintas asociacións e colectivos interesados, ao tempo que apuntou a posibilidade de que o propio centro universitario remita este traballo á Comisión Europea para a súa valoración.