Un minuto de silencio en recordo das vítimas de accidentes de tráfico
No acto conmemorativo do Día Mundial en Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico a subdelegada do Goberno lembrou ás 18 persoas falecidas este ano en sinistros nas estradas e vías urbanas da provincia e aproveitou para facer un chamamento a todos os condutores para que respecten as normas de circulación e eviten comportamentos como o uso de teléfonos móbiles ao volante, o exceso de velocidade e o consumo de alcohol, principais causas de accidentes mortais nas estradas.
“Toda morte ou lesión grave en accidente de tráfico é evitable e polo tanto inaceptable. Por iso, debemos concienciar sobre os riscos viarios e fomentar a prudencia, a responsabilidade e o respecto ás normas de tráfico que garanta a convivencia segura en estradas e rúas dos nosos concellos”, afirmou Isabel Rodríguez.
Segundo datos da DXT, nas estradas e vías urbanas da provincia producíronse no que vai de ano 389 accidentes de tráfico, que provocaron 58 feridos hospitalizados e 408 leves. Destes accidentes, 248 foron en vías interurbanas na provincia, un 10% menos que en 2019, ano prepandemia.
A subdelegada chamou á cidadanía lucense a seguir avanzando no descenso de accidentes de tráfico e lembrou que o pasado mes de xuño o Goberno presentou a Estratexia de Seguridade viaria 2030, o marco nacional de referencia na política de seguridade viaria, co obxectivo de reducir ao 50% para o ano 2030 o número de mortes e lesionados graves causados por accidentes de tráfico.
Ademais, Isabel Rodríguez recoñeceu o esforzo e dedicación do persoal da DXT, axentes de tráfico da Garda Civil, profesionais de auxilio e emerxencias, e sanitarios que traballan a diario para que ningunha persoa perda a vida por un accidente de tráfico.
O acto desenvolveuse na Xefatura Provincia de Tráfico de Lugo e consistiu na lectura do manifesto aprobado este ano para a conmemoración seguido por un minuto de silencio en memoria polas persoas que faleceron ou resultaron feridas en sinistros viarios.
Xunto coa subdelegada do Goberno participaron no acto o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; o tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Miguel Fernández; o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o xefe territorial de presidencia da Xunta, Gerardo Criado, e representantes da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local de Lugo, así como persoal da DXT e de asociacións e colectivos sociais.
O Día Mundial en Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico foi instaurado polas Nacións Unidas en 2005 e cada ano adopta un lema ou peculiaridade sobre a que centra a súa conmemoración. Neste ano 2022, este día pon o foco no recordo ás vítimas, no compromiso de traballar xuntos por unha seguridade viaria humana, construída sobre o principio da protección das persoas, e nas diferentes estratexias a seguir para que ningunha persoa perda a vida ou resulte ferida nas estradas.