Un mural completará a imaxe da praza da Liberdade, en Lugo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou o avance das obras de remodelación da Praza da Liberdade que promove o executivo municipal para mudar a imaxe deste espazo público en prol de incrementar a súa confortabilidade.
Neste senso, a rexedora lembrou que “o proxecto de reforma integral da praza inclúe a renovación do pavimento, o céspede e o mobiliario urbano”, ao tempo que subliñou que “os traballos se atopan xa moi avanzados e a previsión é que poidan quedar rematados nas vindeiras semanas”.
Así mesmo, Lara Méndez apuntou que a actuación tamén contempla a realización dun graffiti, deseñado polos artistas de Concepto Circo, cuxo pintado comezou este martes.
A execución enmárcase dentro da aposta da alcaldesa por rexenerar espazos públicos da cidade con arte urbana. Neste senso, segundo explicou, “o deseño está inspirado na importancia que teñen os nosos maiores na sociedade, pero tamén na natureza e o medio ambiente, e vinculado, ademais, ao mesmo nome da praza, conformando un conxunto realmente fermoso que, sen dúbida, contribuirá a embelecer esta zona”.
Miguel Fernández lembrou que o Concello está a actuar nos 305 m2 que ten de superficie esta praza, na que se proxecta a substitución da superficie peonil que a atravesa en tres direccións distintas ata a súa zona central, tamén incluída, por un pavimento de formigón impreso cun tramado decorativo.
Tamén se renovaron os bordos perimetrais e os delimitadores de zonas, tanto verdes como de tránsito, con pezas de formigón. Así mesmo, o concelleiro apuntou que “actualmente estanse lixando e pintando os bancos, que se instalarán nas vindeiras semanas, e tamén se cambiarán as papeleiras actuais por outras máis modernas e decorativas, en consonancia coa reforma”.
A actuación contemplou, igualmente, labores de xardinería e plantación co sementado de céspede na totalidade das tres zonas verdes existentes. Por outra banda, instalouse unha nova acometida á toma de auga para a rega, que será programable, garantindo así un estado hídrico aceptable durante todo o ano ao tempo que se evita o mollado das beirarrúas que rodean a praza.
Tamén se acometeu a limpeza das fachadas de edificios lindeiros e medianeiras, principalmente daqueles máis deteriorados ou que teñen sido obxecto de actos vandálicos.
“Trátase de redeseñar este emprazamento, creando un punto de encontro e convivencia nunha parte da capital que ten escaseza delas, habilitando así enclaves para a socialización e o descanso ao aire libre, tan apreciados logo da pandemia”, sostivo Fernández.