Un mural de gran formato renova a Praza do Castiñeiro en Lugo

A Praza do Castiñeiro de Lugo acaba de estrear unha nova imaxe grazas á intervención dun mural de gran formato realizado polo artista Yoe33, baixo a comisaría de Concepto Circo e Diego As. O deseño, obra de Manuel Pallín, dálle un lavado de cara a esta praza emblemática que ata o de agora amosaba un mural moi deteriorado polas condicións da superficie e as inclemencias meteorolóxicas.
De temática familiar, a pintura combina ilustracións cun gran ceo que enche de cor e luz o barrio, nunha intervención participativa que procura reflectir á propia veciñanza. Para garantir unha mellor conservación, o muro recibiu tratamentos previos e posteriores que aumentan a súa resistencia e facilitan futuras reparacións grazas á calidade dos materiais empregados.
Desde o Concello destacan que a arte urbana constitúe unha ferramenta clave para rexenerar espazos públicos, dotalos de nova vida e convertelos en lugares de encontro, creatividade e orgullo colectivo. Tamén subliñan que a paisaxe urbana é un lenzo idóneo para a expresión cultural, capaz de reforzar o sentimento de pertenza e de achegar a cultura á rúa dun xeito accesíbel para toda a cidadanía.
No marco do programa Urban Cores, Lugo suma xa máis dunha ducia de intervencións artísticas que puxeron en valor diferentes zonas dos barrios da cidade. Estas actuacións teñen contribuído a situar á capital lucense entre as urbes europeas de referencia na disciplina da arte urbana, segundo recoñecen entidades de prestixio do sector.