Un mural de Luís Davila decorará os muros da pasarela de San Roque, en Lugo

LugoXa
Luís Davila decora en Lugo os piares da pasarela do centro de saúde de San Roque e o muro da rúa Ramón Montenegro cun mural
Mural pasarela San Roque (1)
16 Xuño 2022

Concelleiros lucenses visitaron hoxe a pasarela de San Roque, onde o humorista gráfico, Luís Davila, está a levar a cabo a decoración dos piares da pasarela e o muro da rúa Ramón Montenegro cun mural.

Maite Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura continuamos a traballar na decoración dos espazos urbanos de Lugo con murais realizados por artistas de recoñecida traxectoria, como é o caso de Luís Davila”.

O novo mural da continuidade á actuación realizada nesta zona no ano 2020, cando a área de Cultura realizou un mural sobre o himno galego na escalinata da Ronda das Fontiñas.

Maite Ferreiro lembrou que “desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo apostamos por mellorar a estética desa zona da cidade ao mesmo tempo que rendiamos homenaxe a un símbolo da nosa cultura como é o himno, e ás figuras de Eduardo Pondal e Pascual Veiga, creador da letra e compositor da música, traballando para dar a coñecer o patrimonio cultural de galego e lucense, e que a veciñanza o coñeza e o valore”.

Luís Davila (Pontevedra, 1972) é deseñador e humorista gráfico, recoñecido especialmente polas súas viñetas, publicadas co nome de O Bichero. Estudou na Escola de Artes e Oficios Artísticos Pablo Picasso da Coruña. Na actualidade traballa como viñetista e ten autoeditado varios volumes nos que se compilan os seus mellores debuxos cómicos.

0.2060079574585