Un novo mural de Raquel Coba enche de cor o barrio de Fingoi dentro do programa Urban Cores

Un novo mural que a artista Raquel Coba está a pintar nunha fachada da rúa Illa de Man, fronte á Praza Roxa, enmárcase na nova edición do programa municipal Urban Cores, unha iniciativa coa que o Goberno local aposta pola rexeneración urbana a través da arte, a creatividade e o muralismo.
Durante a visita, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández destacou que “Urban Cores permite recuperar e revitalizar espazos públicos dándolles vida a través da arte. Neste caso, a obra de Raquel Coba servirá como punto de referencia no barrio, enchendo de cor e identidade unha fachada ata agora anónima”.

Raquel Coba, artista con ampla traxectoria en festivais e proxectos de arte urbana por toda España, caracterízase pola súa capacidade para harmonizar a obra coa contorna e polo seu uso simbólico da cor e das formas. A súa intervención en Fingoi contribuirá á posta en valor do espazo público mediante unha peza que conecta coas persoas e co lugar.
Na visita tamén participaron Manuel Pallín, de Concepto Circo, coordinador do proxecto, e o artista lucense Diego As, quen colaboran co Concello na organización desta nova convocatoria de Urban Cores. Segundo explicou o concelleiro Jorge Bustos, nesta edición prevese que tres artistas de renome interveñan en varias fachadas e infraestruturas do barrio ao longo do mes de abril.
Xunto a Raquel Coba, participarán tamén Muro Mola, que realizará unha intervención nunha caseta da luz e un obradoiro de graffiti, e BubleGum, que decorará outra fachada da zona. Tamén se contará coa colaboración de Tirso Paz, un dos artistas lucenses máis recoñecidos a nivel internacional, que en 2024 foi galardoado co premio ao mellor mural do mundo pola súa obra en Valencia.
“Con iniciativas como Urban Cores, Lugo consolídase como referente da arte urbana, intervenindo en espazos públicos que gañan valor e significación. Seguimos apostando por unha cidade máis humana, creativa e participativa”, sinalou Bustos.
As intervencións previstas en Fingoi sumaranse ás xa realizadas en edicións anteriores, como as do barrio das Sindicais, na rúa Esquecemento, dentro dun proxecto que xa deixou obras tan recoñecidas como o Julio César de Diego As ou A Castrexa de Concepto Circo. Con cada nova peza, Lugo continúa consolidando a súa identidade como cidade referente da arte urbana ao aire libre.