Un novo proxecto da área de Mobilidade busca continuar co impulso de melloras no barrio de Recatelo

LugoXa
O proxecto contempla a conversión do Carril dos Loureiros nunha plataforma única de preferencia peonil
Carril-dos-Loureiros-Lugo
11 Feb 2025

Rubén Arroxo, tenente alcalde e concelleiro responsable de Mobilidade de Lugo, reuniuse con veciñas e veciños do Carril dos Loureiros para dar a coñecer os detalles dun novo proxecto que busca continuar co impulso de melloras no barrio de Recatelo.

Este proxecto, que forma parte do proceso de peonalización das rúas da zona, ten como obxectivo crear un novo espazo máis accesible e cómodo para a cidadanía.

Arroxo explicou que este encontro é só unha das numerosas xuntanzas que se celebraron ao longo da fase de elaboración do proxecto, que tiveron como fin atender as necesidades dos veciños e veciñas. "O noso obxectivo é avanzar na mellora do barrio e, en particular, crear un novo espazo útil para a xente que reside na zona", subliñou.

O proxecto contempla a conversión do Carril dos Loureiros nunha plataforma única de preferencia peonil. Aínda que a rúa será peonilizada, manterase o acceso a vehículos, pero con velocidade reducida para residentes e para as labores de carga e descarga. Ademais, a renovación incluirá a actualización dos servizos soterrados, como a rede de abastecemento e o saneamento, mellorando así a infraestrutura da zona.

Un dos aspectos máis destacados deste proxecto será a creación de novas zonas verdes ao longo da rúa, que permitirán xerar espazos de sombra para que os veciños poidan desfrutar do paseo durante as xornadas de calor. Tamén se instalará alumeado LED de baixo consumo, garantíndose unha iluminación uniforme e eficiente.

O Goberno de Lugo está a investir 367.346,38 euros nesta actuación, que será executada pola empresa Construcciones Sanle SA. O proxecto ten como finalidade mellorar tanto a funcionalidade como a estética do barrio, facendo de Recatelo un espazo máis agradable para os seus habitantes e para todas as persoas que visiten a zona.

Rubén Arroxo destacou que, coas melloras previstas no Carril dos Loureiros, Recatelo consolidarase como unha zona de paso importante entre o centro da cidade e o Parque de Rosalía. "Este proxecto mellorará a calidade de vida da veciñanza, ao tempo que fomentará a mobilidade sostible e o desfrute dos espazos públicos", afirmou o Tenente Alcalde, quen tamén destacou que a actuación serve como un modelo de participación cidadá.

Con esta iniciativa, Lugo continúa avanzando na transformación dos seus barrios, promovendo a integración da mobilidade peonil e a mellora dos servizos urbanos.

0.17700719833374