Un obradoiro de emprego iniciou a rehabilitación do centro social de Carballo, en Friol

LugoXa | TerraChaXa
Os traballos, que se executan sobre a antiga escola unitaria, está previsto que rematan en dous meses
obras-centro-social-carballo-friol
17 Feb 2025

A través do Obradoiro de Emprego Cumes da Terra Cha VIII e con un orzamento de case 60.000 euros estase reformando integralmente o edificio social de Carballo.

Este proxecto, que está sendo executado por alumnos do obradoiro de emprego, está previsto que rematen as obras no prazo de dous meses. Estas lévanse a cabo sobre a edificación existente, que é a antiga escola unitaria da parroquia de Carballo, e do seu entorno inmediato.

Farase unha demolición de beirarrúa traseira e lateral dereita, tamén de escaleiras de acceso á planta primeira (para instalar unhas novas) e rampla de soporte, demolición tamén do pavimento interior de planta baixa para reposición previo illamento do mesmo. Abrirase unha gabia na fachada dereita e na traseira para realización de impermeabilización de muro. Retirarase capa de terra vexetal en parcela, para posterior execución de pavimentado con soleira de formigón pulido ou pavimento de lastra de formigón.

Levaranse a cabo tamén a impermeabilizacións e illamentos coa formación de impermeabilización a base de lámina asfáltica adherida sobre capa de formigón aplicado na cara exterior. E tamén se cambiarán as ventás fixas de formigón na planta baixa por novas ventás de aluminio brancas, segundo a disposición das existentes na planta primeira.

Parte destes traballos que se indican xa están realizados. Os que faltan por realizar, está previsto que se poidan ter rematados para finais do mes de abril.

Dende Friol, o seu alcalde Jose Á. Santos, resalta que “a importancia deste tipo de obradoiros que son financiados pola Xunta de Galicia porque ademais de ter unha parte importante de formación, tamén son unha ferramenta interesante para que na parte práctica se poidan acometer este tipo de obras de melloras en instalacións municipais".

O alcalde tamén agradece “a implicación de todo o equipo do obradoiro deste ano, grazas a eles poderemos poñer a disposición dos veciños e veciñas da parroquia de Carballo un centro social renovado e mellorado para que esta parroquia poida continuar coa intensa programación que anualmente levan a cabo, de feito, son quizais unha das máis dinámicas do municipio”.

0.18139505386353