Un obradoiro no Pazo de San Marcos busca implementar a Axenda 2030 no eido local

LugoXa
O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro mércores, 13 de marzo, o obradoiro Todos os ODS son locais, unha acción formativa impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Deputación de Lugo co obxectivo de impulsar a implementación da Axenda 2030 no eido local.
6 Mar 2024

O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro mércores, 13 de marzo, o obradoiro Todos os ODS son locais, unha acción formativa impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Deputación de Lugo co obxectivo de impulsar a implementación da Axenda 2030 no eido local. Esta acción formativa enmarcada no proxecto europeo People & Planet está dirixida a representantes políticos, técnicos municipais, deputacións e mancomunidades, pero tamén a asociacións e agrupacións, e a público en xeral con especial interese entre a mocidade.

A xornada formativa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica.

Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. Os participantes recibirán unha guía de apoio que busca ser unha ferramenta clave neste camiño, ofrecendo orientación práctica para a integración efectiva dos ODS nas políticas e accións locais, tendo en conta o papel chave que teñen os municipios na consecución destas metas fixadas por Nacións Unidas.

Mesas de traballo

A xornada terá lugar ao longo da mañá e o programa inaugurase ás 10.00 horas coa presentación e cunha conferencia sobre o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade. Posteriormente, tratarase os principios fundamentais e oportunidades para os concellos da Axenda 2030, así como se darán a coñecer exemplos reais de actuación. A partir das 12.15 horas, terán lugar mesas de traballo ao estilo Design Thinking, para xerar  ideas sobre como implementar os ODS a nivel local. O obradoiro remata ás 14.00 horas tras as reflexións finais e a enquisa de avaliación.

O proxecto europeo People & Planet: un destino común busca concienciar ás mozas e mozos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 103 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 27 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

0.18479084968567