Un policía nacional de Lugo, recoñecido coa Medalla ao Mérito Civil
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega das medallas ao Mérito Civil do ano 2020 concedidas polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación ao garda civil do Seprona Juan Jesús Mato Muinelo e ao policía nacional da Brigada provincial de Seguridade Cidadá Guzmán Faustino Solmo Pérez. No acto, celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno, tamén participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e o comisario xefe provincial da Policía Nacional, José María Esteban Corral.
Isabel Rodríguez subliñou que con estas medallas recoñécese a "excelencia profesional" dos dous membros das forzas e corpos de seguridade do Estado na nosa provincia, dos que dixo que son "un orgullo para Lugo" e expresoulles a súa gratitude polo seu traballo a favor da comunidade.
“Recibides este recoñecemento porque sobresaídes nunha profesión que ten como característica principal a vocación de servizo aos demais”, destacou a subdelegada, despois de explicar que “lamentablemente, debido á pandemia, a entrega das medallas ao Mérito Civil non puido producirse no seu momento, con motivo do aniversario da Constitución”.
Rodríguez destacou, tamén, “o enorme esforzo que estades facendo todos os mandos e o persoal do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil na provincia durante este longo e duro último ano para protexer a saúde dos lucenses. Non hai palabras para expresar a gratitude que vos debemos”. E tamén tivo un recordo na súa intervención para as familias dos axentes da provincia que nos últimos meses sufriron perdas ou pasaron por momentos difíciles.
CRUZ DA ORDE DO MÉRITO CIVIL
Juan Jesús Mato Muinelo, garda civil do Seprona, é natural de Lugo e vén de ser recoñecido coa Cruz da Orde do Mérito Civil polo seu labor durante o ano 2020 como xefe accidental do Equipo de Protección da Natureza de Lugo.
Desde ese posto, lembran desde a Subdelegación do Goberno, tivo unha participación destacada en servizos de gran valor para a saúde pública como a 'Operación Retrovirus' auspiciada por Europol, coa que o Seprona se ocupou de asegurar a correcta eliminación dos residuos sanitarios xerados durante a pandemia na provincia. Así mesmo, recoñéceselle o seu labor nas operacións 'Pangea', de control sobre a comercialización de medicamentos veterinarios, e 'Opson', de vixilancia da seguridade alimentaria.
CRUZ DE PRATA DA ORDE DO MÉRITO CIVIL
Guzmán Faustino Solmo Pérez, policía nacional nacido en Begonte, pertence á Brigada provincial de Seguridade Cidadá. Recibiu a Cruz de Prata da Orde do Mérito Civil pola súa meritoria labor prestada á Administración Pública ao longo da súa traxectoria profesional, que xa lle valera outros recoñecementos con anterioridade.
Coa súa intervención, foron detidos os autores de dous crimes machistas cometidos nos últimos anos na cidade de Lugo, tamén axudou a salvar a vida de varias persoas en situación de risco, entre eles un ancián desaparecido, ao que rescatou nunha finca abandonada e cuberta de maleza. Ademais, realizou unha intervención, estando fóra de servizo, nunha festa en Paradela, grazas á cal se evitou un grave desorde público cando un home que feriu a varias persoas correu risco de ser linchado.