Un pouco de historia de San Froilán
No 1754 recibiron o permiso para celebrar esta cita anual, que convertiu a cidade nun referente do comercio de gando vacún
As multitudinarias festas do San Froilán son as máis fermosas do outono galego, dicía Álvaro Cunqueiro no seu tempo. Os libros de historia din que no século XVIII, concretamente en 1754, foille concedido a Lugo o privilexio de organizar as feiras de San Froilán e coa chegada do ferrocarril en 1875 as festas adquiriron unha extraordinaria importancia económica o que, xunto ao ferrocarril, fixo da cidade amurallada o principal centro de comercio de gando vacún da península.
O 5 de outubro día oficial do San Froilán, é o día no que milleiros de persoas acoden á cidade de Lugo a celebrar as festas, desfrutar da música, do baile e das feiras de artesaní e de gandeiría.
No campo da feira, as casetas do polbo sempre foron o maior reclamo das festas e xunto coas numerosas atraccións para nenos e o mercado completaban un cadro festivo que acrecentaba o seu interese ano tras ano e rexistraba unha afluencia de centos de miles de visitantes.
O Domingo das Mozas, o seguinte ao día do Patrón, tamén era un verdadeiro río de xente que desfrutaba co traxe tradicional e o folclore galego.
Ademais, as festas do San Froilán son unha das mellores ocasións para coñecer a cidade e os seus monumentos pois o casco histórico concentra a ampla maioría deles.
Aínda que o feiral actual non é o primeiro lugar que se escolleu para centralizar os postos, este leva xa moitos tempo vinculado á zona do parque Rosalía, aínda que a zona da estación de autobuses e tamén a Mosquera son outros dos lugares de fonda tradición festiva.