Un programa de uso de radar sitúa o Campus Terra á vangarda da observación ambiental
Os investigadores nas universidades de Alcalá e Göttingen Mihai Tanese e Ryan Carrol, que son especialistas no manexo desta tecnoloxía emerxente, impartirán do 27 ao 29 de febreiro un curso sobre SAR no edifico Cactus. A inscrición pode formalizarse a través do enderezo de correo electrónico cesar.cruzado@usc.es.
O Campus Terra da USC sitúase á vangarda no uso de tecnoloxías emerxentes con aplicacións ambientais a través da organización dun curso sobre Radar de Apertura Sintética (SAR), que se celebrará do 27 ao 29 de febreiro no edificio Cactus da sede universitaria luguesa. A inscrición neste programa de carácter gratuíto e para o que se ofrecen 20 prazas, está aberta e pode formalizarse a través do enderezo de correo electrónico cesar.cruzado@usc.es.
Os investigadores nas universidades de Alcalá e Göttingen, Mihai Tanese e Ryan Carrol, respectivamente, que son especialistas no manexo desta tecnoloxía de vangarda con moito potencial de aplicación en observación ambiental, serán os encargados de impartir esta actividade formativa, un programa coordinado polo investigador ‘Ramón y Cajal’ na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, César Pérez Cruzado, e orientado á participación de docentes e investigadores do Campus Terra, así como a calquera outro profesional interesado.
A relevancia da tecnoloxía SAR e das súas múltiples aplicacións en estudos de control e vixilancia ambiental radica, segundo sinala Pérez Cruzado, nas posibilidades que ofrece esta tecnoloxía emerxente para dispoñer de información satelital (SAR) de libre acceso. O aproveitamento destes datos, que ofrecen valores referidos a rangos de cambio climático, nivel de estrés das árbores, valores hídricos... esixe, engade o investigador do Campus Terra, o desenvolvemento de metodoloxías e de software para o seu procesamento.