Un proxecto da Deputación nos Ancares, finalista nun premio estatal

LugoXa
A Deputación e a Fundación Uxío Novoneyra son os finalistas lucenses que optan aos premios Copa de España Creativa. Coñece os seus proxectos.
ancares
28 Jan 2021

Un traballo da Fundación Uxío Novoneyra é a outra representación lucense para optar aos premios Copa de España Creativa 2020

O proxecto da Deputación de Lugo para a recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá é un dos finalistas nos premios Copa de España Creativa 2020, galardón que distingue aos proxectos máis innovadores e creativos do país.

O proxecto lucense foi seleccionado como un dos 20 finalistas de entre ducias de candidaturas de toda España en primeiro lugar na súa categoría, Creatividade e innovación social e territorial. A decisión do xurado deuse a coñecer este mércores nun acto público celebrado no Instituto Cervantes, en Madrid.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, recibiu con enorme satisfacción a nova, “pois é un importante recoñecemento que recibe a nivel nacional o bo traballo que desenvolvemos na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”, asegurou.

Para o mandatario provincial, o feito de que o proxecto da Deputación para recuperar e poñer en valor os soutos dos Ancares sexa finalista na Copa de España Creativa 2020 “contribuirá, sen dúbida, á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional, algo especialmente importante nestes momentos de crise provocada pola pandemia da covid-19”.

VÍDEO PROMOCIONAL

Cada un dos finalistas dispón agora de dous meses para elaborar un vídeo promocional que se lanzará nas redes sociais para o voto popular, que contará un 40% do voto final, mentres que o 60% do voto restante será do xurado de expertos. O proxecto gañador elexirase no evento Fórum Orihuela 2020 que se prevé celebrar do 20 ao 22 de maio. Nese evento, a Deputación de Lugo, xunto co resto de finalistas, presentarán a súa iniciativa en público ante o xurado. 

Os 20 proxectos escollidos este mércores compiten en catro modalidades de concurso: cidades de más de 50.000 habitantes; cidades de menos de 50.000 habitantes; territorios (autonomías, deputacións, consorcios ou mancomunidades); e empresas, universidades e organizacións non lucrativas. Á súa vez, os proxectos referírense a tres categorías: creatividade e innovación económica ou tecnolóxica; creatividade e innovación cultural e artísticas; e creatividade e innovación social e territorial. 

O PROXECTO

O proxecto seleccionado da Deputación de Lugo ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.  Segundo o presidente provincial, responde “ao compromiso e ao traballo que desenvolvemos para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios”.

O traballo foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e integra tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.

A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúen á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade.

Para identificar a titularidade dos soutos realizouse un rigoroso traballo de elaboración cartográfica xeoreferenciando fotos aéreas retintadas do ano 1956 que foron recollidas polo Catastro e que están dispoñibles no Arquivo Dixital de Galicia. Posteriormente, esta cartografía foi posta en común e contrastada a titularidade de cada finca nas numerosas reunións realizadas cos veciños e veciñas das respectivas zonas, uns encontros que, ademais de para este obxectivo, serviron para reforzar os lazos de comunidade da aldea e reafirmar a súa identidade. Fíxose un traballo de campo e logo un levantamento topográfico para determinar a relación de propietarios de fincas incluídas nos terreos clasificados como comunais.

A partir da identificación dos titulares dos soutos que se levou a cabo grazas a este proxecto da Deputación de Lugo sentáronse as bases para poder realizar a xestión dos terreos, o que redundará na posibilidade de acometer traballos de recuperación e mellora da produción de castaña, que xa se está a comercializar na zona de forma conxunta e baixo certificación ecolóxica a través da cooperativa A Carqueixa.

Con este impulso da Deputación de Lugo para a recuperación dos soutos ábrense novas posibilidades de futuro para o aproveitamento económico destes recursos naturais pola veciñanza no territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares. Así, é posible a creación de agrupacións de propietarios de soutos para a xestión conxunta dos mesmos e o acceso a axudas públicas para a conservación e explotación. Ademais, coa base xurídica definida, pódense iniciar procesos de modernización que incrementen a produtividade dos soutos a través de ferramentas tecnolóxicas para o seguimento dos tratamentos fitosanitarios aplicados a cada árbore ou para predicir ou cuantificar a cantidade de castaña que producen por variedade e calibre.

FUNDACIÓN UXÍO NOVONEYRA, TAMÉN FINALISTA

A Fundación Uxío Novoneyra figura tamén entre os vinte finalistas na categoría de organizacións non lucrativas polo seu proxecto Sete anos de traballo na financiación diversificada da cultura. Tomé Roca subliña que é unha moi boa nova xa que se atopa no primeiro nivel, distinguida entre colectivos, universidades e asociacións de todo o país.

“Que de 20 finalistas, dous sexan da nosa provincia é un gran orgullo e sinal de que estamos traballando no bo camiño para aproveitar as potencialidades que temos co fin de promover o desenvolvemento social e económico sostible”.

0.1611180305481