Un proxecto do alumnado de Robótica de Lugo para previr os incendios, premiado na maior feira maker de España
O espazo expositor co que o grao en Robótica do Campus de Lugo da USC deu a coñecer os seus contidos na xornada de emprendemento e innovación social Maker Faire Galicia foi votado polo público como a mellor iniciativa de divulgación no marco deste foro en Compostela. Tal e como explica o profesor Enrique Comesaña, quen recolleu o galardón, o stand desta titulación do Campus Terra acolleu proxectos realizados polo propio estudantado do grao; maquetas que permiten simular, por exemplo, unha gorxa humana para que alumnado de ciencias da saúde aprenda a realizar certo tipo de tratamentos nas cordas vocais; así como diversos robots comerciais empregados na docencia da titulación.
Deste xeito, as preto de 300 persoas que se achegaron a este espazo expositivo puideron coñecer de primeira man este grao do Campus de Lugo que se imparte na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. O Campus Terra obtivo outro galardón en materia de divulgación, xa que o grupo de innovación docente XuvenCiencia recibiu o terceiro premio nesta modalidade. O estudantado do grao en Robótica tamén obtivo premio na Maker Faire. O proxecto Firewatcher de Tritontech, premiado co segundo galardón da categoría Maker dirixida a iniciativas innovadoras, consiste nun sistema avanzado para a detección temperá de incendios forestais mediante a sensorización de áreas amplas, utilizando a tecnoloxía de comunicación LoRa IoT.
Este sistema está deseñado para minimizar tempos de resposta e mellorar a precisión na detección de condicións de risco. Inclúe sensores de humidade, temperatura e CO2, integrados con LoRa IoT para monitorizar vastas áreas forestais e detectar riscos antes de que se convertan en incendios activos. O proxecto, realizado polos estudantes de robótica Manuel J. Causin, Jorge de la Fuente, Lois Nodar e Angel J. Suárez ofrece oportunidades de aprendizaxe en electrónica, programación e xestión de datos, contribuíndo á conservación do medio ambiente e a protección da vida e propiedades.