Un proxecto no que participa a USC ofrece 10 bolsas de doutoramento
O programa incluído na estratexia Horizonte Europa e impulsado por un consorcio internacional no que participa o grupo de investigación Farmatox da USC, mantén aberta este mes a presentación de candidaturas na web www.biotoxdoc.eu.
O proxecto europeo BIOTOXDoc, impulsado por un consorcio internacional no que xunto con máis doutra ducia de entidades participa o grupo Farmatox da USC, coordinado polo catedrático da área de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, Luis Miguel Botana, ofrece dez bolsas de doutoramento para investigar no desenvolvemento de novos métodos e procesos orientados a avanzar cara o control e a erradicación da toxicidade de biotoxinas.
O obxectivo xeral do proxecto BIOTOXDoc, un programa internacional incluído na estratexia Horizonte Europea, pasa por formar doutores e especializalos nunha ampla gama de habilidades e competencias complementarias, desde unha perspectiva multisectorial e multidisciplinar, a fin de que favorecer que a comunidade científica dea novos pasos cara mitigar os riscos derivados da toxicidade causada polas biotoxinas.
As bolsas de investigación en ámbitos ligados coa toxicidade orixinada polas biotoxinas ofertadas no marco do proxecto BIOTOXDoc, un programa liderado pola Universidade de Recursos Naturais e Ciencias da Vida (BOKU) de Viena (Austria), que contan dunha dotación económica duns 40.000 euros, antóllanse como unha oportunidade para que a mocidade investigadora da USC poida completar estadías de investigación de doutoramento durante un período de doce meses en universidades e centros de investigación de Austria, Francia, Portugal, Italia, Chequia, Holanda ou Irlanda do Norte. Do mesmo xeito, o proxecto BIOTOXDoc habilita ao grupo Farmatox da USC formará durante este mesmo período a unha persoa de fóra de España neste ámbito científico. As persoas interesadas en tomar parte nesta convocatoria poden atopar máis información ao respecto e formalizar a súa solicitude en liña a través da web www.biotoxdoc.eu.
BIOTOXDoc representa “unha moi boa oportunidade” para as persoas que están a realizar investigación de doutoramento, subliña o catedrático Luis M. Botana, quen precisa que a liña de traballo que desenvolverá o grupo Farmatox da USC ao abeiro deste proxecto internacional centrarase no estudo do mecanismo que produce a toxicidade das toxinas, un descubrimento que reforzaría a seguridade alimentaria a nivel mundial, sinala.
A problemática derivada das biotoxinas e, especialmente a relacionada coas toxinas maxiñas, é crecente e require de solucións urxentes, relata Botana, quen, ademais de salientar a falta de investigadores especialistas en seguridade alimentaria, tamén cuestiona a eficacia e a precisión das diferentes normativas vixentes para garantir a produción e o subministro de alimentos seguros no mundo nun contexto de cambio climático.
Os investigadores de doutoramento seleccionados para tomar parte no proxecto BIOTOXDoc desenvolverán novas estratexias de desintoxicación de biotoxinas e avaliarán a toxicidade combinada de biotoxinas coexistentes, ao tempo que realizarán probas rápidas e de confirmación de biotoxinas. Os diferentes traballos de experimentación e as pescudas desenvolvidas no marco deste proxecto buscan colmar as lagoas máis importantes do coñecemento actual neste ámbito científico.
O principal vínculo entre os diferentes investigadores de doutoramento que se incorporen a este proxecto internacional é que, a expensas dos enfoques e dos segmentos da cadea alimentaria humana e animal, todos abordarán a influencia do cambio climático na aparición de biotoxinas e a consecuente demanda de estratexias revisadas para mitigar o seu impacto na poboación europea.