Un recorrido para descubrir o Lugo romano
A cidade de Lugo conta con un gran pasado romano e dende 1986 comezan a realizarse escavacións arqueolóxicas sistemáticas atopando numerosos e importantes restos no subsolo da cidade de Lugo. Estes restos unidos aos diferentes museo constitúen un gran xeito de coñecer o pasado romano da cidade.
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MURALLA
A Muralla romana é o elemento principal dentro do Lugo romano, construída entre os séculos III e IV a muralla constitúe un auténtico modelo desde o punto de vista construtivo, xa que tanto a súa localización, situada orixinalmente entre un foso e un corredor interior ou intervallum, a súa estrutura a base dunha sucesión de cubos e cortinas e os materiais empregados na súa construción, fixeron de Lugo unha cidade preparada para resistir calquera ataque.
Actualmente, a muralla conta con dez portas que permiten entrar e saír do centro histórico da cidade. Destas portas, cinco considéranse orixinais da época romana. Ademáis, o adarve que percorre a súa parte superior permite percorrer a pé os máis de 2 quilómetros dun perímetro que se conserva na súa totalidade, un trazo que fai que este monumento sexa único no mundo.
Declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000 este feito propicia a cración dun Centro de Interpretación situado na praza do Campo, dentro do centro histórico da cidade, e nun edificio entre medianeiras formado por planta baixa, dous pisos e baixo cuberta, cuxas orixes de construción se remontan a comezos do século XVIII. Na planta baixa está a zona de recepción e acollida do visitante.
Con este Centro de Interpretación a cidade abre unha nova porta que desvela os secretos da Muralla mostrando desde as súas características constructivas, a súa historia ata os seus múltiples usos. Con unha perspectiva máis social e lúdica o espazo axuda a dialogar co viaxeiro o que lle proporciona unha porta cara o coñecemento do seu pasado.
A CASA DOS MOSAICOS
Continuando polo centro da cidade outra visita importante para coñecer o Lugo romano é a Casa dos Mosaicos ou Domus Oceani. Este lugar debe o seu nome ao magnífico mosaico coa cabeza do Deus Océanos descuberto na rúa onde se sitúa, Doutor Castro, en 1842.
Esta sala museística está integrada polos restos pertencentes a unha gran domus ou residencia señorial romana, datada a finais do século III ou principios do IV d.C, de notables dimensións e ricamente ornamentada.
Sita no centro da cidade, moi preto do antigo foro, pódense apreciar algunas das súas dependencias como a sala de recepción e a súa antesala, ambas pavimentadas con mosaicos de gran calidade, un triclinium ou salón de inverno, os restos de un patio interior porticado e outros ámbitos menores. Parte destes mosaicos tamén se poden contemplar baixo o pavimento da rúa e tamén no baixo comercial do lado.
A DOMUS DO MITREO
A Domus do Mitreo é un conxunto arqueolóxico que constitúe un dos espazos mellor conservados da antiga Lucus Augusti. Aquí pódense visitar os resto de unha gran casa romana que foi parcialmente destruída pola muralla e tamén dun templo adicado ao deus Mitra.
Este museo é un exemplo excepcional da historia urbana da cidade de Lugo. Con un total de 700 metros cuadrados este espazo agrupa diversos restos arqueolóxicos que permiten coñecer aspectos de gran interese acerca da evolución da cidade. Por un lado atopamos a domus, pertencente ao período altoimperial, onde se atopan dependencias características das grandes casas romanas como a cociña, varios cuartos, o salón ou o patio porticado. Esta era unha vivenda de luxo que contaba con dous pisos.
A principios do século III d. C. a casa remodélase, sufrindo cambios significativos nas funcións ou tamaño dalgunhas das súas dependencias, e é por volta do 212-218 d. C. cando se constrúe no primeiro piso o templo dedicado ao deus Mitra. Poucos anos despois desta transformación, a finais do século III d. C. iniciarase a construción da muralla que pasará, literalmente, por encima da domus, provocando a súa destrución parcial. O Mitreo, pola contra, non sufrirá dano ningún e permanecerá en uso ata o ano 350 d. C.
O Mitreo, lugar onde se celebra o culto do deus Mitra esta situado na primeira planta da domus é un edificio de pequenas dimensións e presenta a planta característica destes templos: unha nave central con pilastras laterais. O chan, que parece semellar o dunha cova, é artificial e foi conscientemente elaborado desta forma para adaptarse á lenda mitraica. Non se atopou a imaxe do deus que debería estar ao fondo da nave, pero acháronse restos de bronce que poderían pertencer a ela.
Un achado excepcional dentro destes restos é unha inscrición cun magnífico grao de conservación, tanto do soporte como do texto, que se pode ler na súa integridade:
Ao invicto Mitra, Gaius Victorius Victorinus, centurión da Lexión VII Gemina Antoniniana Pía Feliz, en honra da statio de Lucus Augusti e dos Victorios Secundus e Victor, os seus libertos. Colocou esta ara de bo grao.
O texto non só fala do deus senón que tamén nos permite coñecer a identidade do dono da casa, Victorio Victorino, e a de dous dos seus libertos. Sábese, ademais, cal era a súa ocupación e posición social, a de centurión da statio, un edificio de control da administración romana. A ara pode contemplarse in situ, no mesmo lugar en que foi atopada.
Ademáis da domus e do mitreo no museo pódese observar de xeito privilexiado a muralla romana sendo o único lugar de toda a cidade no que se permite observar os seus cimentos. Esta excavación afondou sete metros por debaixo do nivel do Lugo actual permitindo estudar a súa estructura e métodos constructivos.
O museo da domus do Mitreo garda tamén algunas pezas de exposición da época romana. Entre elas podemos atopar un morteiro romanos ou unha entalla de anel. O morteiro que se utilizaba para cociñar indica un alto nivel económico tanto pola súa forma como pola materia prima coa que está feito.
A entalla de anel esta realizada en cornalina de cor laranxa e ten forma. Na cara superior conta con decoración incisa que representa unha biga guiada por unha Vitoria que suxeita as rendas dos cabalos na man esquerda, ao mesmo tempo que na dereita ten unha rama de palma. Este tipo de escena é un motivo amplamente representado na numismática e na glíptica romana. Ademais da súa utilidade como ornamento persoal, non hai que descartar outras posibilidades de carácter simbólico, máxico, representación de status ou anuncio de compromiso.
CENTRO ARQUEOLÓXICO DE SAN ROQUE
A escasos metros da Muralla Romana podemos encontrar o conxunto arqueolóxico San Roque que está integrado polos restos dun cemiterio romano, un estanque cultual e un forno cerámico tardío. Todos estes elementos están vencellados á súa vez ao paso da vía romana XIX, outro dos importantes camiños históricos que cruzan a cidade.
Neste conxunto arqueolóxico consérvanse dúas tumbas pertencentes a unha gran necrópole que se mantivo activa ao longo de cinco séculos, documentando a presenza dos ritos funerarios de incineración e inhumación durante ese período.
Ao carón da necrópole e da vía de acceso, construíuse, en torno ao século I d.C., un gran estanque de auga en opus caementicium (formigón romano), que estaría en relación co propio culto funerario ou quizais con algún culto relixioso máis complexo, no cal poderían estar presentes certas divindades orientais, segundo se traduce dos simbolismos dos relevos por onde circulaba a auga.
A presenza dun forno empregado para a fabricación de material cerámico testemuña o uso industrial ao que se dedicou esta zona nas postrimerías do século V d.C.
SALA DE EXPOSICIÓNS PORTA MIÑÁ
A sala de exposicións Porta Miñá atópase situada fronte a porta da Muralla da que recibe o mesmo nome. No seu interior acolle unha mostra permanente sobre o Lugo romano.
A través dun dilatado percorrido histórico organizado en catro bloques diferenciados: orixes, esplendor, fortificación da cidade e o seu ocaso; os visitantes a esta sala de exposicións poderán coñecer en profundidade este período da historia da cidade que abrangue desde as orixes de Lucus Augusti no século I a. C ata o seu declive a finais do século V d.C.
En toda a exposición úsanse como recurso expositivo unha serie de elementos gráficos que dan conta dos principais aspectos da antiga cidade romana, que acompañan a unha colección única e moi ampla de obxectos significativos da vida do día a día no Lugo Romano.
VENTÁS ARQUEOLÓXICAS
Unido a estes museos e conscientes da gran importancia dos restos estos últimos anos estase traballando na recuperación e posta en valor para mostralos ao público con unha musealización in situ a través de ventás arqueolóxicas incorporados na cidade. Todos estos elementos permiten configurar un itinerario para poder coñecer este pasado romano da cidade.