Un 'scape-room', obradoiros de danza e unha xincana pola cidade; así será a programación deportiva do Nadal en Lugo

LugoXa
A programación desenvolverase dende o día 16 de decembro ata o 4 de xaneiro, coa celebración de ata oito actividades diferentes
Programación-Nadal-Xuventude-e-Deportes-Lugo-2024
12 Dec 2024

A Concellería de Xuventude e Deportes vén de presentar a programación de Nadal para este ano, na que repiten exitosos obradoiros ou actividades con moita demanda, como unha scape-room, e que incorpora outras propostas novas, como obradoiros de danza e coreografías e unha xincana pola cidade, que baixo o nome a busca do cofre perdido, permitirá optar a importantes premios, con unha viaxe á neve ou ceas en restaurantes da cidade.

Trátase dunha programación “dirixida a mozos e mozas de 14 a 30 anos, moi diversa e que alterna a súa faceta máis lúdica e divertida con outras actividades eminentemente deportivas, como a carreira popular Lugo Monumental, a San Silvestre ou o Torneo de Nadal de Fútbol Sala”.

A programación desenvolverase dende o día 16 de decembro ata o 4 de xaneiro, coa celebración de ata oito actividades diferentes. O obradoiro de decoración de Nadal será o encargado de abrir dita programación o vindeiro luns, día 16, dende as 17.00 ata as 20.00 horas na Casa da Xuventude, unha actividades que se repetirá os días 17 e 18 de decembro. Esta mesma xornada, pero de 17.00 a 19.00 horas e tamén na Casa da Xuventude, terá lugar o obradoiro de cociña.

Tamén repite na programación de Nadal unha das propostas de máis éxito nos últimos anos como é a scape-room, baixo o nome 'Misión Nadal: tras as chaves', na que poderán participar ata 168 persoas, distribuídas en varios grupos ao día de catro a seis persoas, dende as 10.00 ata as 13.00 horas e de 16.00 a 20.00.

Esta actividade está programada para os días 26, 27, 28 e 30 e constará dun total de 27 probas de distintos tipos, nas que se require destreza manual, tecnolóxica, informática ou boas doses de traballo en equipo para ir superando cada unha das probas.

Novidades en Xuventude

A gran novidade deste ano é a 'Busca do cofre perdido', unha xincana pola cidade que partirá da rúa Quiroga Ballesteros. Será o día 23 de decembro, dende as 10.00 ata ás 14.00 horas, e con 80 prazas dispoñibles, distribuídas en 20 grupos de catro persoas cada un. Os participantes deberán realizar e superar ata 25 probas por toda a cidade, con xogos nos que se poñerá a proba as habilidades mentais, intelectuais, a busca de edificios emblemáticos da cidade, descifrar xeroglíficos ou facer valer o traballo en equipo para acadar o obxectivo final.

Un dos grandes incentivos desta xincana son os seus premios, xa que os primeiros lograrán unha viaxe á neve dun día para catro persoas, co equipamento e actividades incluídas, mentres que os segundos clasificados conseguirán unha cea nun restaurante da cidade.

Ademais, este ano á programación súmase unha actividade de danza, para os días 26, 27, 28 e 30, na Casa da Xuventude, que permitirá aprender bailes e coreografías con temática de Nadal. O horario será de 17.00 a 18.00 horas, sen límite de aforo.

A inscrición en cada unha destas actividades pódese facer na páxina web do Concello, na que xa están publicadas as bases e os formularios. A asignación de prazas realizarase por rigorosa orde de entrada.

Actividades deportivas

Pola súa parte, tamén se desenvolverá a carreira popular Lugo Monumental, de 10 km polo centro da cidade e cun percorrido que vai polo adarve da muralla, e que este ano acada a súa vixésimo primeira edición. Terá lugar o domingo 22 de decembro, a partir das 11.00 da mañá, con saída e chegada á meta na praza Horta do Seminario.

Outra das grandes citas será o VII Torneo de Nadal Lugo Sala, cuxa fase autonómica celebrarase os días 27 e 28, para dar paso á fase nacional, os días 2, 3 e 4 de xaneiro. A competición se desenvolverá no pavillón municipal, nos polideportivos O Pombal e Daniel Cordido, ademais de na Casa do Deporte, e está organizada polo club ADC Lugo Sala.

O último evento deportivo do ano será o día 31, coa celebración da tradicional carreira de San Silvestre Club Fluvial, que este ano acada a súa trixésima edición. Dita proba, con saída e chegada no mesmo club, comezará ás 16.30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.094958066940308