Un segundo estudo ratifica o baixo número de mexilóns atopados na zona da plataforma de baño pública
Unha nova mostraxe efectuada no pequeno desprazamento proposto polos técnicos do Concello de Lugo para instalar a plataforma de baño pública na Tolda ven de ratificar o primeiro estudo xa realizado: o número de mexilóns atopados “é sensiblemente menor que na zona inicial prevista, menos da metade, polo que a traslocación dos exemplares é perfectamente viable”.
Este segundo estudo apórtase nas alegacións que o executivo de Lara Méndez ven de presentar ante a Confederación Hidográfica do Miño Sil tras os últimos informes desfavorables da Xunta de Galicia á colocación da plataforma de baño, onde o Concello acadou autorización para poder instalala durante 25 anos nos meses de verán. “A Xunta rexeitou primeiro a zona inicial da Tolda e despois o pequeno desprazamento que propoñemos (e que tiña o visto e prace da Confederación porque non supón modificar o proxecto) sen nin sequera meterse no río para comprobar a existencia de mexillóns nesa área”, lembra o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández.
“Nós si o fixemos, e agora a Xunta ten non un, senón dous informes técnicos onde queda claro que a escasa presenza de mexilóns non sería un problema para que os e as lucenses gocemos de xeito seguro e respectuoso co hábitat do río da tan dexesada área de baño”, sostén.
Segundo os técnicos municipais, seguindo os cálculos de proxección de exemplares que segue o propio Servizo de Patrimonio Natural da Xunta, o número bivalvos que quedarían cubertos polas piscinas flotantes pode estimarse en 3.230, lonxe do rango de 6.000 a 10.000 que estimaba o Servizo de Patrimonio Natural para a ubicación inicial. “Cifra perfectamente asumible en termos dunha eventual traslocación dos exemplares. Baste dicir que para a reparación do Caneiro da Acea de Olga se planificaba a traslado de case 2.000 exemplares”, di o concelleiro.
“É dicir, se o Goberno galego actuase con seriedade e en defensa dos intereses da cidadanía e non en función dos intereses partidistas e electoralistas do PP, xa, co primeiro informe presentado, poderíamos ter a plataforma de baño instalada desde hai varias semanas para que os e as lucenses desfrutemos do río como fai a veciñanza doutros moitos concellos da provincia”.
Nas alegacións presentadas, o Concello tamén remite, unha vez máis, informes relativos ao caudal do río como de velocidades, que confirman de novo que “as variacións de caudais na época na que se instalan as piscinas flotantes son perfectamente compatibles coa instalacións da estrutura, así como as velocidades, polo que non son un perigo para o desenvolvemento da actividade prevista”. O executivo local presenta estes dous informes en resposta ás indicacións da Xunta, aínda que non son temas de competencia autonómica, senón da Confederación, que xa informara sobre as mesmas de maneira favorable.
O executivo de Lara Méndez leva anos traballando en dar resposta a demanda da cidadanía para ter unha zona de baño seguro no Miño, e a ubicación da Tolda foi a que finalmente tivo a autorización da CHMS, co beneplácito da Xunta. Previamente, desbotouse a zona de Os Robles polas especiais proteccións medioambientais.