Un “sir” que lle costou ser

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
10 Xul 2023

Por Rebeca Maseda

Sir Edward Elgar (1857-1934) estaba no auxe da súa carreira cando a Sociedade Filharmónica de Londres lle encargou o Concerto para Violín en 1909. A obra estaba dedicada a Fritz Kreisler, o violinista de fama internacional que foi o solista na súa primeira actuación. Porén, a partitura tamén leva a inscrición: “Aquí está consagrada a alma de...”, cita da novela ‘Gil Blas’ de Lesage que está amplamente aceptada como unha referencia a Alice Stuart-Wortley, unha amiga íntima á que alcumou ‘Windflower’ e recoñecida xeralmente como a inspiración de Elgar para a citada obra.

A peza é longa para ser un concerto para violín, pero sen embargo, convincente e non esaxerada. Non contén nada da pomposidade e fachenda que poderiamos atopar en moitas das obras de Elgar e que algúns críticos consideran perturbadoras e bastante desagradables. O Concerto está firmemente asentado no repertorio clásico aínda que non se interpreta con frecuencia, dada a súa complexidade -tanto para o violín solista como para a orquestra- e longa duración.

Hai un nome de obrigada mención se falamos desta obra: Yehudi Menuhin. Os “nenos prodixio” son sempre unha rareza, a excepción en todas as artes, pero na música parecen darse por enriba da media que existe, por exemplo, nas matemáticas ou o xadrez. Menuhin -con 16 anos- e o propio Edward Elgar -con 70 xa cumpridos- uníronse en 1932 para gravar o concerto para violín deste último. O intérprete atopábase ao  comezo da súa carreira, o compositor era unha lenda viva e o rexistro que realizaron desta obra, unha das máis difíciles do repertorio romántico para este instrumento, permaneceu dispoñible desde principios dos anos trinta do século pasado en calquera tenda de discos clásicos “seria” de Oslo a Bos Aires e de Tokio a San Francisco.

Nunha época na que as gravacións compiten unhas coas outras para ver cal é máis aséptica e “sen fallos”, é refrescante escoitar este disco que, a pesar de ser remasterizado varias veces, segue soando deliciosamente antigo e perfecto na súa imperfección. Como curiosidade pode anotarse tamén que a discográfica que realizou o rexistrou foi EMI, que acababa de fundarse meses antes, en 1931. EMI contou con Menuhin en nómina durante 70 anos, o contrato discográfico máis lonxevo da historia da música polo momento.

Foi precisamente coa San Francisco Symphony cando debutou Menuhin con 7 anos. Aos 13 estreouse coa Filharmónica de Berlín dirixida por Bruno Walter, quen pasou do escepticismo ao entusiasmo co novo neno prodixio dos Estados Unidos en cuestión de segundos cando lle escoitou interpretar o inicio do concerto de Beethoven nunha habitación de hotel de Berlín tocando el mesmo a parte orquestral ao piano. A mesma sintonía debeu reinar entre o pequeno Menuhin e o veterano Elgar xa que as sesións de gravación foron tan ben que a última delas foi cancelada polo propio compositor, que levou ao mozo violinista a pasar un día nas carreiras de cabalos.

Maior relevo adquire este feito se se lembra que de todas as súas composicións, Elgar sempre amou especialmente a súa Opus 61, que nunca deixou de ser interpretada mesmo cando a popularidade do compositor decaeu incomprensiblemente nos anos cincuenta. El mesmo tocaba o violín desde a súa humilde infancia de neno católico nunha Inglaterra que nunca terminou de velo con bos ollos, como a un dos seus, ata moitos anos despois. Para decatarse que lugar ocupaba esta obra no seu corazón, basta sinalar que en certa ocasión confesou que lle gustaría que gravasen o tema do “nobilmente” do Andante do Concerto para Violín na súa tumba...

Foto Artigo xullo'23 rebeca
0.19528293609619