Un taboleiro xigante, torneos escolares e exhibicións: Lugo réndese ao xadrez

LugoXa
A cidade contará cunha ampla oferta, organizada pola asociación cultural Xaquedrum coa colaboración do Concello, destinada aos escolares e a toda a veciñanza, co obxectivo de espertar a curiosidade por esta práctica Lugo pon en marcha o programa educativo Xadrez para todas, organizado pola asociación cultural Xaquedrum coa colaboración do Concello.
xadrez_para_todos
18 Apr 2024

A cidade contará cunha ampla oferta, organizada pola asociación cultural Xaquedrum coa colaboración do Concello, destinada aos escolares e a toda a veciñanza, co obxectivo de espertar a curiosidade por esta práctica

Lugo pon en marcha o programa educativo Xadrez para todas, organizado pola asociación cultural Xaquedrum coa colaboración do Concello. A cidade contará cunha ampla oferta destinada ás e aos escolares e a toda a veciñanza, co obxectivo de “espertar a curiosidade  e o interese polo xadrez, achegando ás familias sobre as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa”, explicou Maite Ferreiro.

Unha das actividades máis importantes deste proxecto é a de Xadrez Infantil, unhas xornadas en centros educativos de infantil e primaria e un programa deportivo e educativo que achegará a práctica aos escolares. Levarase a cabo no horario lectivo e estará dirixido aos alumnos de 5º e 6º de infantil e 1º de primaria, con máis de 12 colexios da cidade como participantes.

As clases impartiranse nas propias aulas e o material necesario corre a cargo da Asociación Cultural Xaquedrum, tanto o pedagóxico, elaborado pola propia entidade, como o material deportivo. “Trátase dunha actividade totalmente gratuíta tanto para os centros como para o alumnado, na que se espera a participación de 1200 nenos e nenas”, insistiu a concelleira.

Ademais, Ferreiro destacou “o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación”. A práctica supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e “unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade”.

O programa inclúe Xadrez xigante e baúl viaixeiro, cos que se pretende dar alternativas educativas e deportivas en espazos públicos. Trátase de campañas de promoción do deporte durante o mes de xuño na Praza Maior, onde se instalarán un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e o baúl viaxeiro. Tamén se realizarán exhibicións.

Torneos escolares e viaxe pola historia do axedrez

Ademais, prográmanse tres torneos para os escolares e as súas familias, con dúas categorías xerais: a competición para xogadores federados e outra para os xogadores sen ránking internacional. Outra das iniciativas será unha viaxe pola historia do xadrez coa que se fomentará a promoción do xadrez na época de vacacións dos escolares. Preténdese crear alternativas de lecer para o alumnado e achegar o xadrez ao barrio de Lamas de Prado, dende a Praza do Castiñeiro, na primeira quincena de xullo.

Por último, co fin de promover o lecer deportivo en espazos públicos, levaranse a cabo unha serie de campañas de promoción en setembro na praza Maior. Ao mesmo tempo, quérese facilitar a conciliación da vida laboral e persoal dos participantes. Instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e o baúl viaxeiro. Desta forma os que queiran poderán xogar ao xadrez, poderán ler libros e poderán aprender ao xadrez.

0.16714692115784