Un total de 16 campamentos desenvólvense nas instalacións municipais de Lugo
O executivo de Paula Alvarellos facilita a conciliación familiar na época estival grazas á cesión das instalacións deportivas municipais, xestionada pola área de Xuventude e Deportes, a un total de 16 campamentos que se desenvolverán ao longo do verán. “Con estas colaboracións reforzamos dúas liñas de traballo fundamentais para o Goberno local: por unha banda o apoio ás familias no período non lectivo, e pola outra o fomento dos hábitos saudables entre a mocidade”, subliñou o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos.
As instalacións municipais que acolleron e acollerán os diferentes campus ao longo do período estival son o Campo de Fútbol López Gorgoso, o Campo de Fútbol A Polvoreira, o Campo de Fútbol A Cheda, o Campo de Fútbol As Gándaras, o Complexo Deportivo O Palomar e o Complexo Deportivo de Frigsa (Casa do Deporte, piscina municipal de Frigsa, pavillón de tenis de mesa e pistas de tenis).
“Dende a Área de Xuventude e Deportes procuramos facilitar ao máximo o traballo de todas as entidades do tecido asociativo deportivo coa cesión das instalacións que xestionamos. Para que todas teñan a oportunidade de desenvolver estes campamentos, tan demandados polas familias lucenses, levamos a cabo unha coordinación pormenorizada dos espazos dispoñibles no calendario”, destaca o concelleiro. Os campamentos máis madrugadores foron os que organizaron a SCD Milagrosa (tecnificación de porteiros e tecnificación femininia), a EF Polvorín, a ADC Piringalla, a SCD Residencia, a APSX Sagrado Corazón e Xabaríns Volei Lugo, que se desenvolveron na derradeira semana do mes de xuño.
O CD Dez Portas de Lugo está a desenvolver, dende o 24 de xuño, un Campamento de Tenis de Mesa para escolares, no Pavillón de Tenis de Mesa de Frigsa. A actividade estenderase ata o 19 de xullo en horario de 10.00 horas a 14.00 horas. O CB Cidade de Lugo tamén arrincou o seu Campamento Urbano Polideportivo o 24 de xuño e tera como data final o 26 de xullo.
No caso do club de baloncesto as horas de actividade van das 08.00 ás 14.00. O último club que tamén comezou os seus campus de verán o 24 de xuño foi o CT As Termas, que desenvolverá o Campamento de verán de tenis lúdico e tecnificación ata o 30 de agosto nas Pistas de tenis de Frigsa. No canto do CP Maristas, o seu Campamento Multideporte arrincou o 26 de xuño e se prolongará ata o 26 de xullo en horario 10.00 a 14.00 horas.
Coa chegada de xullo tamén se iniciaron o Campus Atlético de Madrid (do 1 ao 6 de xullo no Campo de Fútbol As Gándaras) e o Campamento Urbano Polideportivo da ADC Lumieira, que se desenvolverá en diferentes instalación municipais ata o 29 de xullo de 09.30 a 19.30 horas. Do 8 ao 12 de xullo será a quenda do Campus de Verán 2024 do Club Rítmica Filigrana, que terá lugar de 16.00 a 20.00 horas no Polideportivo Piscina Municipal de Frigsa. O Arenal Emevé celebrará as súas xornadas técnicas do 8 ao 19 de xullo no Pavillón Municipal de Deportes e, por último, o Campus Irmáns Quintela desenvolverá a súa actividade do 5 ao 9 de agosto, en horario 09.00 a 14.00, no Polideportivo Piscina Municipal de Frigsa.