Un voitre negro rescatado no San Froilán recupérase no centro de fauna do Veral

O Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe do Veral acolle desde o luns un exemplar de voitre negro que fora capturado o pasado domingo pola tarde en Lugo, en pleno feiral do San Froilán, cando se atopaba en estado moi feble.
O rescate produciuse nun momento de gran afluencia de público e a ave foi atendida nun primeiro momento no hospital veterinario universitario Rof Codina, desde onde foi trasladada ao día seguinte ao centro dependente da Xunta no Veral.
Segundo informaron os responsables do centro, trátase dun exemplar xuvenil de voitre negro cun prognóstico inicialmente reservado debido á súa baixa temperatura corporal e a unha lixeira deshidratación, razóns polas que se decidiu a súa hospitalización inmediata. Aínda que non presentaba fracturas, recibiu desde o primeiro momento os coidados necesarios en canto a alimentación e hidratación.
Tras un novo exame, os especialistas comprobaron unha evolución favorable, xa que o voitre recuperou valores normais nas súas constantes vitais e comeza a alimentarse por si mesmo. Por ese motivo, foi trasladado da área de hospitalización a un parque de voo de tamaño intermedio, onde continuará a súa recuperación.
A melloría do animal fai pensar nunha recuperación completa que lle permita regresar ao seu hábitat natural, aínda que os técnicos estiman que permanecerá no centro do Veral durante polo menos un mes máis. O exemplar, que pesa arredor de 4,5 quilogramos e ten aproximadamente un ano de vida, pertence a unha especie pouco frecuente en Galicia, polo que se supón que procede doutra comunidade, posiblemente de Extremadura.
No que vai de ano, o centro de recuperación da fauna do Veral atendeu un total de 628 animais, dos cales 492 foron aves. Entre eles, figuraron dous voitres leonados recollidos na Serra do Xistral.