Un xulgado de Lugo autoriza vacinar a unha persoa con discapacidade a pesar da negativa da súa titora

LugoXa
O xuíz entende que a renuncia da titora á dispensación da vacina ao seu irmán “resultaría contraria aos intereses do discapaz”
vacina
12 Feb 2021

O Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Lugo vén de autorizar vacinar a un interno dunha residencia lucense a pesares da negativa da súa irmá e titora. O maxistrado indica no auto, contra o que cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial, que o home “non se atopa en condicións de prestar un consentimento consciente" en relación coa aplicación da vacina da covid-19.

O xuíz entende que a renuncia da titora á dispensación da vacina ao seu irmán “resultaría contraria aos intereses do discapaz”, polo que considera “máis beneficioso para a protección da súa saúde” que o vacinen. Ademais, salienta que “a protección da saúde do discapaz haberá de prevalecer fronte á renuncia manifestada pola súa titora”.

O maxistrado tamén indica no auto que discrepa da valoración da titora en canto a que o seu irmán é “relativamente novo e carente de patoloxías previas, polo que os resultados da enfermidade serían leves”. Así, advirte de que “a experiencia demostra que o virus é capaz de producir posibles resultados mortais en persoas da franxa de idade na que está o tutelado”.

0.11903285980225