Unanimidade para esixir ao Estado solucións para o viaduto da A6

LugoXa
O Pleno provincial acordou demandar o arranxo da ponte, a investigación das causas e a toma de medidas para minimizar o impacto na economía
pleno deputacion xuno
29 Xuño 2022

O Pleno da Deputación reclama ao Estado o arranxo urxente do viaduto do Castro na A6. Unha moción presentada polo BNG e apoiada polo PSdeG e o PP reiteraba a esixencia de transparencia na información sobre as causas dos derrubamentos na A-6 e alternativas para a circulación mentras non se restableza o paso pola ponte do Castro.

No debate da moción, o voceiro nacionalista Efrén Castro fixo fincapé na necesidade de que o Estado habilite “solucións temporais que permitan recuperar a máxima normalidade e seguridade na circulación por estrada ata que se restableza o paso pola autovía”.

Neste sentido, a moción nacionalista, aprobada por unanimidade, demanda “a creación dunha comisión de seguimento para a recuperación da infraestrutura coa presenza do Estado, da Xunta, dos sectores económicos e sociais afectados e das forzas políticas parlamentarias na que se fale dos prazos e dos medios necesarios”.

O BNG, que tomou a iniciativa á hora de presentar a moción para o pleno provincial, votou tamén a favor das propostas presentadas polos grupos socialista e popular, sinalando a necesidade “de unir forzas para estar visitantes e facer presión para que se cumpra co aprobado”, e o Estado responda á demanda de investigación, solucións temporais e prazos para a recuperación da infraestrutura.

"Esixentes co Estado"

Pola súa banda, os socialistas que se amosaron en todo momento a favor das propostas neste senso, pediron medidas para minimizar o impacto do derrubamento na economía lucense.  O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que “para os socialistas é irrenunciable a necesidade da reconstrución desta infraestrutura”, que serán “esixentes e belixerantes co Estado se é necesario, pero farémolo con responsabilidade, desde a seguridade e a confianza de que o Goberno porá a disposición dos lucenses todos os medios necesarios para a reconstrución do viaduto no menor tempo posible”.

Lamentou Rivera Capón as estratexias da oposición para sacar “rédito político” da foto cun suceso destas características. “Non o estamos a facer os socialistas, aínda que poderíamos facer memoria de cando se fixo o viaduto, co Goberno de José María Aznar e sendo ministro de Fomento Rafael Arias-Salgado, pero entendemos que sería unha conducta irresponsable”.

Pablo Rivera apuntou o agradecemento “á actitude amosada pola Ministra de Transportes e polos responsables do seu departamento, trasladando a información dispoñible en tempo real, poñendo por diante a seguridade das persoas, e polo seu compromiso de recuperar a A-6 canto antes, tendo en conta a magnitude do acontecido”.

A institución provincial solicitará tamén ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia unha revisión das súas respectivas redes viarias, sobre todo no que respecta a elementos de risco potencial como pontes e viadutos e demandará un plan de control de tráfico que axilice o mesmo nas vías alternativas para garantir a fluidez e minimizar así o incremento nos desprazamentos derivado do peche temporal deste tramo da A-6.

0.17985200881958