UNED Lugo e CB Breogán entregan a equipación ao equipo Special Olympics de ASPNAIS

LugoXa
O acto puxo en valor o deporte como ferramenta de inclusión, igualdade de oportunidades e participación social das persoas con discapacidade intelectual
equipación-deportiva-UNED-Breogán-ASPNAIS
22 Jan 2026

A UNED Lugo e o Club Baloncesto Breogán fixeron entrega da nova equipación ao equipo Special Olympics de ASPNAIS Lugo nun acto simbólico que volveu situar o deporte como un elemento clave para a inclusión social, a mellora da saúde e o fortalecemento da participación comunitaria. A iniciativa buscou recoñecer o esforzo dos xogadores e destacar o papel do deporte como espazo de integración e desenvolvemento persoal.

No encontro participaron o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, a directora da UNED Lugo, Ana Traseira, e o adestrador do primeiro equipo breoganista, Luis Casimiro, que foron os encargados de facer entrega da equipación aos deportistas. Xunto a eles estiveron tamén Jacobo Real, responsable da área de deportes de ASPNAIS Lugo, e Tito Díaz, director deportivo do club lucense.

Durante o acto fíxose fincapé na importancia do deporte como vía para a socialización, a adquisición de habilidades persoais e a integración plena. Ana Traseira destacou que accións deste tipo lembran que o deporte é tamén un espazo para a igualdade de oportunidades, o compañeirismo e o recoñecemento do talento e do esforzo individual de cada persoa.

Pola súa banda, Salva Arco subliñou o compromiso do CB Breogán cunha sociedade máis inclusiva e puxo en valor o labor que desenvolve ASPNAIS na promoción da autonomía e da participación activa das persoas con discapacidade intelectual. Luis Casimiro quixo salientar a actitude do equipo Special Olympics, asegurando que a ilusión e a entrega que amosan cada vez que saen á pista resultan especialmente inspiradoras.

O acto concluíu cunha fotografía de familia sobre a pista, na que xogadores, técnicos e representantes das entidades participantes amosaron a súa satisfacción por continuar avanzando cara a unha sociedade máis aberta, diversa e inclusiva.

⚙ Configurar cookies
0.11466789245605