Unha actuación arqueolóxica busca sacar á luz parte da muralla do Castro de Santa Maria de Cervantes
Unha actuación arqueolóxica no Castro de Santa María, no municipio de Cervantes, busca sacar á luz parte da muralla do mesmo. A intervención conta cun orzamento de 17.800 euros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e céntrase na escavación dun tramo de 60 metros cadrados do sector Leste da muralla que delimita o castro, co fin de coñecer as súas características estruturais. Tamén se procede á consolidación puntual das estruturas arqueolóxicas escavadas nos anos 90 do pasado século.
Previamente, realizáronse tarefas de limpeza manual de muros, pavimentos e outros elementos, así como unha roza na zona leste, que consistiu fundamentalmente en eliminar as especies de monte baixo (fentos, silvas, xestas, toxos...) da superficie de actuación. Está previsto que o traballo de campo remate nos vindeiros días, e que no mes de decembro estea lista a memoria técnica que documentará os achados e avances realizados.
O xacemento, situado na parroquia de Santa María do Castro, corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.
Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019.