Unha aula móbil permitirá ofrecer comedor escolar en Fingoi II a partir do vindeiro curso

A posibilidade de instalar unha aula portátil para activar o servizo de comedor escolar no CEI ‘Fingoi II’ de Lugo deu un paso adiante, logo dunha reunión de traballo celebrada entre técnicos e representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo. O obxectivo do encontro era dar resposta á demanda das familias do centro, que reclaman con urxencia a posta en marcha deste servizo no vindeiro curso.
Durante a xuntanza, os representantes municipais expresaron dúbidas sobre a cesión do espazo contiguo á escola e cuestionaron a súa venda ou permuta futura unha vez instalada a aula. En resposta, o persoal técnico da Xunta aclarou que a infraestrutura será desmontable e non condicionará o uso posterior da parcela. A alternativa de elevar unha planta máis no edificio actual tamén foi mencionada polos responsables municipais, proposta que desde a Xunta consideran unha escusa que posterga a solución dun problema inmediato.
A Xunta puxo o foco na necesidade de adoptar medidas áxiles e urxentes, que permitan activar o servizo sen agardar por reformas estruturais máis a longo prazo. Así, ambas Administracións acordaron redactar nos vindeiros días un borrador de convenio para a cesión do espazo necesario e proceder á colocación da aula móbil.
O delegado territorial, Javier Arias, destacou que o comedor escolar é “un servizo esencial” e recordou que conta cun amplo respaldo da ANPA e da comunidade educativa de Fingoi II, polo que considerou prioritario activalo “canto antes” para facilitar a conciliación das familias.