Unha campaña de recadación impulsada por Adega quere parar o proxecto eólico de Monteiro
A Asociación ecoloxista ADEGA demanda axuda cidadá para procurar frear no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o polígono eólico Monteiro, proxectado sobre os montes da Fonsagrada e a Serra dos Ancares.
Con este obxectivo, ADEGA lanza unha nova campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para reunir os fondos necesarios, 6.800 euros, de cara á interposición do recurso contencioso-administrativo contra este proxecto eólico.
Trátase, en concreto, do parque Monteiro, que prevé a instalación de 5 aeroxeradores de 200 metros de altura nos concellos lucenses de Baralla, Baleira e Becerreá. Está promovido por Greenalia Wind Power e foi deseñado para fornecer o complexo industrial de Alcoa San Cibrao.
"Todo apunta a que se trata dun novo caso defragmentación artificial dun único proxecto eólico, Monteiro, xunto con Restelo e Pena do Pico, moi próximos e cos que comparte liña de evacuación; artellado coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto no procedemento de avaliación ambiental, o que podería tratarse dunha fraude de lei.
O proxecto eólico Monteiro sitúase nas montañas da comarca dos Ancares e da Fonsagrada. Emprazaríase a menos dun quilómetro e medio da zona de ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Xunta de Galiza no 2008; en concreto, do novo LIC (Lugar de Interese Comunitario) Miño-Neira.
Boa parte das súas instalacións quedarían no interior da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. O proxecto atinxiría tamén, en parte, a unha zona de sensibilidade ambiental máxima, e de exclusión eólica, en base á zonificación ambiental para a implantación da enerxía eólica realizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
"Cómpre sinalar tamén a posible presenza de oso pardo cantábrico (Ursus arctos) na zona de implantación deste proxecto", din. No verán de 2024 rexistrouse a presenza dun macho adulto dentro do territorio ocupado pola poligonal do parque eólico Monteiro, contiguo a Restelo. Hai tamén avistamentos de osas con crías cara ao Norte, polo que este parque, xunto co de Restelo e os contiguos dos Ancares (Serra do Colmo, Serra de Piñeira, Chao do Marco, Serra do Furco e Reboiro), poderían estar localizados nunha área de presenza e expansión da especie.
Obxectivos de recadación
O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para este desafío é de 6.800 euros. Esta recadación establécese en dúas fases.
A primeira terá unha duración de 1 mes e nela será preciso acadar un mínimo de 3.400 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión.
Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante, para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como para a solicitude de paralización cautelar.
A campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos converteuse xa na iniciativa máis exitosa de todas as campañas de micromecenado que se teñen lanzado en Galicia con fins de defensa ambiental, tanto pola envergadura dos fondos recadados (máis de 180.000 euros no ano 2023) como polo número de achegas (con máis de 2.000 colectivos, asociacións e persoas particulares involucradas).
Ademais, os éxitos logrados ata o momento nos tribunais acreditan o traballo desenvolvido en defensa do medio ambiente e do rural no marco desta campaña. Son xa unha vintena os proxectos eólicos paralizados cautelarmente por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a instancias de ADEGA, grazas á masiva solidariedade da cidadanía e de plataformas veciñais que achegaron o seu gran de area para custear a presentación dos correspondentes recursos e a solicitude de paralización cautelar de máis dunha trintena de proxectos eólicos.
Agora, ADEGA lanza esta nova campaña #TiPodesParalos co obxectivo de acadar a anulación, primeiro cautelar e logo definitiva, do P.E. Monteiro ante a Xustiza.
A organización ecoloxista agradece todo o apoio recibido ata o momento e pide a colaboración para conseguir un fito máis na defensa dos montes e das xentes da Fonsagrada e dos Ancares fronte á vaga eólica.