Unha campaña de vixilancia busca disuadir a poboación de estacionar na zona reservada para bus urbano

LugoXa
unha nova campaña de control busca disuadir ás e aos condutores de realizar estacionamentos indebidos nas prazas do bus urbano
Bus urbano
3 Dec 2022

O Concello ven de por en marcha unha nova campaña de control para disuadir ás e aos condutores de realizar estacionamentos indebidos nas prazas do bus urbano. Unha práctica tipificada como grave e sobre a que a Policía Local vén detectando un abuso nos últimos meses.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o Intendente xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, acompañaban, a primeira hora do día, aos efectivos que formarán parte deste operativo cuxa duración é, por agora, indefinida xa que a súa permanencia dependerá, en boa medida, do grao de concienciación que se acade na poboación. A rexedora sinalaba os importantes prexuízos que este comportamento ocasiona ao conxunto xeral da cidade.

“Falamos de que dificulta as manobras do propio transporte público, xera atrasos no total das liñas, entraña risco para as persoas usuarias do servizo que deben invadir a calzada para acceder ao bus, e afecta ao tráfico rodado ralentizando toda a circulación viaria polo que cómpre incidir na necesidade de respectar a sinalización existente, xa non só como unha obriga que debemos acatar senón tamén porque de non facelo estamos condicionando toda a mobilidade da capital”, subliñou Lara Méndez.

Pola súa banda, Jesús Piñeiro indicou que o dispositivo se manterá en quenda de mañá e tarde, facendo fincapé en zonas e franxas horarias moi concretas onde se rexistra unha reiteración excesiva deste tipo de infraccións e lembrou ás e aos conductores que a Lei de Seguridade Vial non permite nin estacionar nin tampouco parar nestes espazos reservados ao autobús. “Incumprilo será motivo de multa económica e pode conlevar tamén á retirada do vehículo polo guindastre municipal”, engadiu.

0.15118002891541