Unha campaña tenta concienciar sobre o cambio climático en Lugo
O Concello de Lugo editará unha newsletter para achegar á cidadanía actualidade e información sobre actuacións e propostas de vangarda no ámbito do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, co obxectivo de sensibilizar e concienciar á poboación. O novo boletín electrónico, que se publicará baixo o título 'Lugo Cidade Viva', terá unha periodicidade quincenal e abordará cuestións relacionadas coas novas prácticas e políticas de desenvolvemento urbano sostible que se están a executar no municipio de Lugo e no resto de cidades referentes do mundo.
Segundo explica a alcaldesa, Lara Méndez, dende fai cinco anos Lugo atópase inmersa "nun cambio de paradigma cara un urbanismo vangardista e sostible" que está a ser "pioneiro en Europa". A través deste boletín, “queremos facer partícipe deste novo paradigma a todos os e as lucenses achegándolles as últimas novas sobre os avances que Lugo e o resto de cidades están a levar a cabo para ser máis resilientes fronte á emerxencia climática, así como información de como a cidadanía pode contribuír na loita contra o cambio climático no seu día a día”.
O Concello busca implicar deste xeito á cidadanía para crear conciencia social sobre un problema que afecta a toda a poboación como é o cambio climático e a contaminación atmosférica, partindo da premisa de que o coñecemento e a educación ambiental son fundamentais para entender as responsabilidades individuais e colectivas, así como os beneficios de coidar e preservar os recursos naturais dos que dispoñemos.
O proxecto 'Lugo Cidade Viva' contará ademais cunha páxina web, a través da cal os interesados poderán subscribirse ao boletín: http://lugocidadeviva.gal/, e tamén disporá de perfís en Facebook e Instagram nos que se compartirá contido relacionado coa temática medioambiental.
As primeiras 450 persoas que se subscriban ao boletín, e así o soliciten, recibirán como agasallo un castiñeiro procedente do souto do novo bosque urbano de 21 hectáreas.
Este novo espazo verde, no que o campus universitario de Lugo estivo a traballar este tempo co fin, non só de coidar a biodiversidade, senón tamén para estudar como mellorar a produción e a calidade dos recursos naturais vinculados ao deseño das cidades sustentables do futuro, abrirase este ano ao público.