Unha charla do BNG explica en Monterroso os efectos do proxecto de Altri

LugoXa
A deputada do BNG por Lugo no Parlamento Galego, Olalla Rodil, participou nunha charla informativa sobre o proxecto da planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei.
charla_altri_bng_monterroso
10 Abr 2024

A deputada do BNG por Lugo no Parlamento Galego, Olalla Rodil, participou nunha charla informativa sobre o proxecto da planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei. Rodil estivo acompañada por Ana Fernández, membro de Adega e especialista no ciclo da auga, quen afondou nas implicacións que o proxecto terá para a comarca da Ulloa e para o resto de concellos de Lugo e de Galicia e polo concelleiro do BNG en Monterroso, Brais Vázquez que falou das connotacións que supón un proxecto como altri para o concello de Monterroso

O BNG amosou neste acto as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri, e os efectos que terá en todo o territorio galego, ademais do impacto negativo que terá sobre a actividade económica e no emprego nas zonas afectadas. Rodil animou á veciñanza a presentar alegacións ao proxecto para "manifestar ante a Xunta de Galiza o rexeitamento a esta macroplanta destinada á producción de celulosa".

Segundo recoñeceu a propia empresa, subliñou Rodil, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 t. e 200.000 t. respectivamente coa factoría a pleno rendemento. “Pretenden instalar no corazón da Ulloa unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”, denunciou a deputada, advertindo do “enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón en toda a comarca da Ulloa e na contorna da ría de Arousa.

Consumo de auga

“É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis preciado que temos”, apuntou en alusión a auga que precisaría a pasteira que, segundo a propia empresa, captaría máis de 16 millóns de metros cúbicos ao ano procedentes do encoro de Portodemouros. É dicir, 46.000 metros cúbicos de auga ao día ou, o que é o mesmo, 535 litros por segundo. “Altri succionará máis auga da que consumimos nun día as 350.000 persoas que vivimos na provincia de Lugo”, destacou Olalla Rodil.

A celulosa vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, explicou a deputada nacionalista, salientando que o Ulla xa ten agora uns índices elevados de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa “da que comen máis de 4.000 familias, que produce máis do 70 % do mexillón de Galiza e que leva anos vendo caer a súa produtividade”.

Rodil destacou, por outra banda, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.

0.20921897888184