Unha comisión supervisará as obras de rehabilitación do IES Lucus Augusti

LugoXa
Esta obra conta cun investimento de 3,3 millóns de euros e está previsto que finalice a finais de marzo do ano 2025
lugo-ies-lucus-augusti
11 sep 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, anuncia a posta en marcha dunha comisión de seguimento que se reunirá de xeito periódico para informar do avance das obras que se están a executar no IES Lucus Augusti. Arias explicou ademais que, ante o inicio do curso e mantendo ese afán de transparencia, se vén de convocar unha reunión coa comunidade educativa do centro co fin de presentarlles o cronograma das obras e resolver as súas posibles dúbidas.

Na reunión, que se celebrará o vindeiro venres na Delegación Territorial, participarán o propio delegado territorial; a directora territorial de Educación, Sagrario Sánchez; representantes da unidade técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e técnicos da empresa responsable da obra, ademais dos representantes do Consello escolar do Lucus Augusti.

O delegado territorial lembrou a importancia desta obra, que conta cun investimento de 3,3 millóns de euros e está previsto que finalice a finais de marzo do ano 2025. Segundo os técnicos, a intervención poderá desenvolverse no interior do centro sen afectar á actividade lectiva.

A rehabilitación do IES Lucus Augusti inclúe a demolición de certos elementos, a renovación da carpintería exterior, melloras no illamento, e a instalación dunha caldeira de enerxía renovable que dará servizo a todo o edificio. Ademais actualizaranse todos os espazos educativos con novas conexións dixitais e eléctricas. A intervención principal será a recuperación da semicúpula do auditorio.

Javier Arias lembra que Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten experiencia recoñecida en actuacións deste calibre e alude ás obras de rehabilitación que recentemente remataron tamén no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, onde non se rexistrou incidencia algunha no desenvolvemento da actividade educativa.

0.2053759098053