Unha delegación de empresarios da provincia de Lugo participou na Feira Internacional da Habana

LugoXa
Esta misión directa a Cuba organizouse no marco das accións de internacionalización que preparou a Confederación de Empresarios de Lugo co apoio da Deputación de Lugo
empresarios-de-Lugo-na-Feira-Internacional-da-Habana
15 Nov 2024

Unha delegación de empresarios da provincia de Lugo, encabezados polo secretario xeral da CEL e presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López, participou na Feira Internacional da Habana, FIHAV 2024, que este ano chegou xa á súa 40 edición.

Esta misión directa a Cuba organizouse no marco das accións de internacionalización que preparou a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) este exercicio co apoio da Deputación de Lugo.

Conforman a delegación lucense empresas do sector agroalimentario, de saúde e enerxético, fundamentalmente, como Grupo Lence, Suministros Megaro Foods e Carnemax Foods, Conxelados Sariego, Tosocar, Embutidos Montepicato, Farmadismo ou Grupo Norbel, entre outras.

A Feira Internacional da Habana estaba prevista entre os días 4 e 9 de novembro, aínda que tivo que suspenderse a metade de semana pola chegada do furacán Rafael.

No entanto, a delegación empresarial lucense tivo a oportunidade de visitar a feira os primeiros días e reconducir a axenda do resto da viaxe con encontros bilaterais con representantes de cadeas hostaleiras (Meliá ou Iberostar...), pequenas empresas da rede MIPYMES, autorizadas polo goberno cubano para operar de forma privada ou con representantes das organizacións cubanas import-export como Alimport (importación e exportación de alimentos) ou Comecializadora ITH (comercializadora de insumos, alimentos e investimentos para o turismo).

Ademais, mantívose tamén un encontro co presidente da Cámara de Comercio de Cuba, Antonio Luís Carricarte.

No marco da Feira, presentouse tamén a Actualización da Carteira de Oportunidades de Cuba, ferramenta interactiva que amplía o seu enfoque local e inclúe pequenos proxectos para ampliar a participación das pequenas empresas. Entre os sectores considerados estratéxicos en Cuba e que ofrecen oportunidades de negocio atópanse, precisamente, a agroindustria, o biofarmacéutico ou o enerxético, tamén estratéxicos para a provincia de Lugo.

0.18301296234131