Unha delegación de mozos hondureños coñece a Reserva da Biosfera Terras do Miño

LugoXa
Unha delegación de mozos de Honduras coñece a Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola Deputación
Reservas Biosfera encontro hispano hondureño
18 Nov 2021

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiu este xoves no Pazo de San Marcos á delegación de mozos e mozas hondureños que participa no proxecto Intercambio de Coñecementos e Experiencias entre Mozos de Reservas da Biosfera Honduras-España, que promove a axencia de cooperación alemana GIZ dentro do programa Procambio II co obxectivo de fortalecer o papel das futuras xeracións no desenvolvemento e promoción dos territorios que contan con este recoñecemento en Europa e Latinoamérica.

A delegación que estivo esta mañá na Deputación coñeceu ao longo da xornada a Reserva da Biosfera Terras do Miño, as súas características e modelo de xestión, da que se ocupa a institución provincial.

No encontro celebrado en San Marcos participaron dez representantes das reservas da biosfera de Honduras (Cacique Lempira, San Marcos, Trifinio Fraternidad e Río Plátano), ademais de Francisco Cantos Mengs, representante do Comité MaB Español da UNESCO, o organismo que ampara e promove as reservas da biosfera.

A Deputada de Promoción do Territorio destacou que “encontros coma estes permiten fomentar o intercambio de coñecementos e a posta en común de experiencias, e poñen en contacto o entusiasmo dos mozos co coñecemento da tradición en defensa do medio ambiente e os programas concretos que desde fai medio século se levan a cabo baixo o paraugas MaB da UNESCO”.

Pilar García Porto destacou que o obxectivo compartido no marco da xestión das reservas debe ser que a protección do medio ambiente se converta nun factor de desenvolvemento sostible do territorio. “Sen dúbida, o clima ou as características dos nosos países difiren en moitos aspectos, pero compartimos o desexo de protexer a riqueza e o legado natural, de garantir a pervivencia da flora e a fauna autóctonas, e de converter o medio ambiente nunha oportunidade que axude a desenvolver o medio rural, xerando emprego de calidade e sostible para poder manter a poboación e as nosas costumes e culturas”, asegurou.

Ademais do Pazo de San Marcos e a catedral de Lugo, os participantes visitaron o Mazo de Santa Comba e as Insuas do Miño, que forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e son propiedade da Deputación.

181121 Reservas Biosfera encontro hispano hondureño
0.18576693534851