Unha delegación de Sardeña participará nas Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na Aldea

O deputado Daniel García destacou durante as súas intervencións "a oportunidade de aprendizaxe que supoñen estes intercambios"
delegación-de-Sardeña-en-Xornadas-de-Desenvolvemento-Rural-Ciencia-na-Aldea
26 Apr 2025

Unha delegación de Sardeña, en Italia, participará nas Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na Aldea, que se celebran esta fin de semana en Penadanogueira, en Negueira de Muñiz, e acollerán un acto de irmandamento co famoso Festival das Herbas Espontáneas desta illa mediterránea.

Walter Secci, secretario da Asociación “Cittá dela Terra Cruda”, que organiza o festival, e Rosella Orrú, concelleira de Ussaramanna, a localidade en que se celebra o festival, acudiron ao Pazo de San Marcos xunto á xornalista Sandra Sutherland, ao botánico Bernabé Moya e a Alberto Uría, da Asociación Corripa, que organiza as Xornadas xunto á área de Rural da Deputación de Lugo.

No acto, intercambiaron experiencias en relación coa evolución dos dous eventos e sobre as potencialidades do rural, das formas de vida tradicionais e do patrimonio natural na dinamización económica, social e cultural dos territorios.

O deputado Daniel García destacou durante as súas intervencións "a oportunidade de aprendizaxe que supoñen estes intercambios" e sinalou "o nivel de excelencia que acadou Ciencia na aldea, descubrindo cada ano novas temáticas actualizadas dende o ámbito científico e de innovación, vencellada ao territorio dende o rural da montaña lucense".

Tras a súa participación nas xornadas, o luns achegaranse ata Piornedo para coñecer as pallozas e visitarán o Lugar de Reque, a carón do río Rato, espazo de referencia en permacultura e construción biodinámica xestionado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.13059186935425