Unha escultura de Soledad Penalta reinvindica a loita pola igualdade no xardín do Museo de Lugo
O xardín do Museo Provincial de Lugo conta cunha nova obra: unha escultura da artista e académica Soledad Penalta, adquirida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para ampliar os fondos de arte contemporánea feminina do museo provincial. A artista noiesa e a deputada de Cultura Iria Castro, acompañadas pola directora do Museo Aurelia Balseiro e pola xerente da Rede Museística Encarna Lago, presentaron a peza, Visibilidade, unha estrutura en aceiro corten, de 2,4 metros de altura, que simboliza a loita das mulleres por alcanzar a igualdade e o recoñecemento en distintos eidos.
Iria Castro agradeceu” a xenerosidade da artista que con esta peza fai unha homenaxe colectiva a todas as mulleres” e manifestou “o compromiso dos museos provinciais co apoio e a visibilización das mulleres artistas”, que a escultora valorou tamén na presentación da obra. A peza amplía o valor patrimonio do xardín do Museo Provincial, a carón da rúa Nova, que conta cunha decena de esculturas de artistas de Portugal e Galiza. A inauguración complementa, por outra parte, a exposición da mostra “Emocións” de Soledad Penalta, que pode verse na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo ata o 30 de setembro.
A adquisición da peza de Soledad Penalta incide no apoio e na visiblizacion das mulleres artistas que desenvolven os museos provinciais dentro do programa Recoñecer, Representar e Redistribuír. Nese marco, o pasado mes de xullo presentouse no Pazo de Tor a peza Todo é ilusión adquirida a artista e tamén académica Pamen Pereira.
Súmanse ás adquiridas a comezos do ano ás artistas emerxentes que participaron na mostra colectivo “As 7 e 7”: Andrea Otero, Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmáns Noa e Lara Castro Lema, e á obra Notas no latexo do unánime e cego de Carla Andrade, que fan unha decena de pezas incorporadas ao longo do semstre ás coleccións dos museos.