José Tomé foi proclamado secretario xeral do PSdeG da provincia no quinto congreso

José Tomé Roca foi proclamado este sábado Secretario Xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo, no marco do 5º Congreso Provincial celebrado no Hotel Torre de Núñez, baixo o lema Lugo: construíndo futuro. Máis de 150 delegados e delegadas procedentes das distintas comarcas da provincia participaron activamente neste encontro orgánico, no que se renovaron os órganos de dirección e se definiu a liña estratéxica do partido para os próximos anos.
Durante a súa intervención de clausura, Tomé Roca agradeceu “de corazón” a confianza renovada pola militancia e sinalou que asume esta responsabilidade “cun compromiso absoluto coa provincia de Lugo e coas persoas que viven”. Subliñou que o congreso foi un exemplo de vitalidade democrática: “un exercicio de participación interna que nos fortalece como organización política e nos reafirma como un partido vivo, plural e comprometido”.
Tomé Roca destacou que a nova Comisión Executiva Provincial é “máis reducida, que pasa de 51 a 35 persoas, máis áxil e mellor coordinada”, integrada por 17 mulleres e 18 homes procedentes de todas as comarcas da provincia: “desde a Chaira ata a Mariña, a Montaña ou a Ribeira Sacra”, que saíu adiante co 83% dos votos. Reivindicou unha renovación que vai máis alá dos nomes, entrando 22 persoa novas: “A verdadeira renovación é aquela que transmite á sociedade unha mensaxe clara: o PSdeG é un partido útil, con propostas realistas e comprometido co benestar da cidadanía”.
Ademais, neste Congreso tamén se elixiu o novo Comité Provincial e o novo Comité de Ética.
José Tomé subliñou a importancia das agrupacións locais, especialmente aquelas que traballan dende a oposición: “A Secretaría Provincial estará ao voso carón, acompañando, escoitando e apoiando. O traballo territorial é clave para consolidar e ampliar os espazos de goberno”.
Avanzou que o primeiro gran reto será nas eleccións municipais do 23 de maio de 2027, nas que o partido aspira a revalidar alcaldías, conquistar novos concellos e ampliar a presenza institucional: “Queremos contribuír decididamente a construír un proxecto de futuro para Galicia, e facelo da man dun presidente como José Ramón Gómez Besteiro”.
Alternativa sólida fronte ao modelo do PP
O Secretario Xeral identificou con claridade ao Partido Popular como o principal adversario político: “O PP representa un modelo esgotado, ancorado no pasado, baseado no bloqueo institucional, na conservación do poder a calquera prezo e na utilización partidista dos recursos públicos”.
Fronte a iso, José Tomé Roca defendeu un modelo socialista que pon no centro as persoas: “Protexer os servizos públicos, garantir a igualdade, impulsar o desenvolvemento sostible e construír unha sociedade xusta son os piares da nosa proposta”.
Denunciou con firmeza a deterioración da sanidade no rural, os recortes educativos e a desatención aos servizos sociais por parte da Xunta de Galicia: “Cada vez que o PP goberna sen modelo, sen proxecto e sen vontade de servizo público, o que está en perigo son os dereitos da cidadanía”.
Tomé Roca defendeu a necesidade dun modelo produtivo forte e sostible para a provincia de Lugo. Reivindicou o papel do PSdeG na defensa da industria: “Estivemos ao carón dos traballadores de Alcoa desde o primeiro momento, cando outros calaban ou dubidaban”. Reclamou para A Mariña un plan industrial serio, realista e con respaldo institucional, que sirva como motor de reactivación económica.
Tamén salientou a necesidade de poñer en valor os recursos propios da provincia: “As rutas do Camiño, o noso patrimonio natural e cultural, o sector agrario e o potencial turístico deben ser fonte de riqueza e desenvolvemento local, sempre dende o respecto ao medio ambiente e a identidade territorial”.
Unha provincia con futuro
Na súa intervención, o Secretario Xeral comprometeuse a facer do PSdeG un partido accesible á mocidade: “Debemos comprender e incorporar a súa maneira de comunicarse e participar, abríndolles as portas para que sexan protagonistas activos do noso proxecto”. Así mesmo, apelou a unha nova política para atender ás persoas maiores: “Representan unha parte esencial da nosa sociedade e teñen un perfil cada vez máis activo, máis formado e máis esixente. Temos que responder con dignidade, intelixencia e visión de futuro”.
Reivindicou tamén o compromiso do partido coa integración das persoas migrantes: “Lugo ten que seguir sendo unha terra de acollida. O PSdeG foi sempre pioneiro na defensa da igualdade e dos dereitos humanos. Temos que seguir á cabeza desa tarefa”.
A xornada congregou unha destacada representación política e institucional. Participaron Secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o xerente do PSdeG, Luis Ángel Lago; o senador e membro da Executiva Federal, César Mogo; o secretarios provincial da Coruña, Bernardo Fernández; así como representantes do Goberno de España, como o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ou a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Ademais, o Congreso contou coa presenza activa de entidades do ámbito social e asociativo (AMEIS, FADEMUR, Cruz Vermella, FUDACE, ASORLU, COGAMI, Federación de Asociacións Veciñais), do ámbito educativo como a USC e a UNED, do sector sindical (UGT), do sector agrario (Unións Agrarias) e da representación empresarial (CEL, APEHL, Federación de Comercio).
COMISIÓN EXECUTIVA
- Secretario Xeral: José Tomé Roca
- Presidente de Honra: Miguel Fernández Méndez
- Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización: Mª Pilar Garcia Porto
- Secretario de Acción Electoral, Promoción Económica e Emprego: Pablo Rivera Capón
- Secretaria de Promoción do Territorio: Silvia Pigueiras Blanco
- Secretaria de Relacións Institucionais: Ana María González Abelleira
- Secretario de Medio Ambiente: Carlos López López
- Secretario de Universidades: Carlos García Rodríguez
- Secretaria de Novas Tecnoloxías: María Carmen López Moreno
- Secretaria de Industria: Bibiana Pereira Belón
- Secretario de Medio Rural : Rubén García Freije
- Secretario do Mar: Francisco: Urbano Mon Fernández
- Secretaria de Participación e Militancia: Sabela Thais Sanjurjo Varela
- Secretaria de Infraestruturas: Paula Vigo Lamas
- Secretario de Comercio: José Manuel López Torre
- Secretaria de Turismo: Silvia Rodríguez Díaz
- Secretaria Muller, Igualdade e Dereitos LGTBI: Vanesa Martínez Quiroga
- Secretario de Estudos e Programas: José Luis Díaz López
- Secretario de Sanidade: Miguel Ángel Rodríguez Lois
- Secretaria de Comunicación e Redes: María Varela Rodríguez
- Secretaria Xubilados e Pensionistas: Ana María Canto Rodríguez
- Secretario do Deporte: Roi Rigueira Agromartín
- Secretario Innovación e Investigación: Daniel Irimia Yáñez
- Secretaria Adxunta á Secretaría Xeral: María Loureiro García
- Secretaria Adxunta á Secretaría de Organización: Marina Ramudo Graña
- Secretario Patrimonio e Tradicións: José Luis Losada Fernández
- Secretario Turismo Rural: Adolfo Rubio Pascual
- Secretario de Emerxencias: Roberto García Pernas
- Secretaria de Cultura, Educación e Formación: Lucía Villamor Lagos
- Secretario de Benestar: José Tellado Fernández
- Secretario Memoria Histórica: Vicente Parra Vizcaíno
- Secretaria Rutas Xacobeas: María Dalba López Galán
- Secretario Servizos aos Militantes e Agrupacións: Rodrigo Pavón Prieto
- Secretaria Executiva: Regina López Arias
- Secretaria Executiva: Luisa Méndez Rodríguez

Besteiro reclama en Lugo máis forza municipalista para "seguir protexendo a provincia"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este mediodía no acto de clausura do Congreso Provincial dos e das socialistas en Lugo cunha mensaxe centrada na necesidade de reforzar a presenza do partido nos concellos: “Precisamos máis forza municipalista para seguir protexendo a provincia, como xa facemos desde os gobernos locais e desde a Deputación. Porque non debemos esquecer que esta provincia é un bastión do PSdeG”.
Besteiro puxo en valor o papel dos socialistas como “a forza que transforma, que está na terra e que responde fronte a un PP ausente e un presidente da Xunta que agacha a cabeza ante Feijóo”. E advertiu de que “Lugo é o espello máis claro da falta de proxecto do Partido Popular, que leva 16 anos prometendo o mesmo sen cumprir nada”.
“Mentres Lugo segue esperando pola Rolda Leste, o Museo da Romanización ou a Costa Norte, Rueda ven este luns a volver prometer o que nunca fixo. A quen pretende enganar?”, cuestionou.
Durante a súa intervención, o líder socialista felicitou a José Tomé e á nova executiva provincial “polo respaldo da militancia e por liderar unha nova etapa cun proxecto serio, conectado coa xente e comprometido co futuro de Lugo”.
Destacou que o PSdeG é o partido con maior implantación local en Galicia, con máis de cen alcaldías, moitas delas na provincia de Lugo. “Neses concellos a xente sabe que pode confiar porque gobernamos para a maioría social, sen deixar a ninguén atrás”, subliñou.
Por iso, avanzou que os obxectivos do partido pasan por “seguir medrando en apoios, consolidar novas maiorías progresistas nos concellos e revalidar a Deputación de Lugo como peza clave para garantir servizos públicos, cohesión territorial e oportunidades para o rural”.
Un presidente que nin está nin defende a Lugo
Besteiro criticou duramente a política do enfrontamento permanente do PP e a actitude de Alfonso Rueda, ao que cualificou como “un presidente de plató que só aparece cando hai cámaras” e que actúa como “delegado de Feijóo”. “Fala Feijóo e cala Rueda. Manda Feijóo e obedece Rueda. E así, quen perde é Galicia, e moi especialmente Lugo”, advertiu.
Lembrou como exemplo o apagón da semana pasada, no que “Rueda desapareceu do centro de emerxencias e só volveu cando estaban os medios, mentres o delegado do Goberno permaneceu traballando toda a noite”. Tamén acusou a Rueda de gardar silencio ante os constantes rexeitamentos de Feijóo ás medidas do Goberno de España como as axudas ás empresas, a suba das pensións ou o salario mínimo.
Besteiro tamén alertou sobre o novo xiro do PP cara á enerxía nuclear. “Feijóo e Rueda levan 16 anos freando as renovables e agora pretenden vendernos as bondades da nuclear. Fronte a ese modelo, defendeu un modelo de desenvolvemento sustentable, baseado nas enerxías renovables e na participación dos territorios, “con planificación, con diálogo e con respecto ao tecido social e ambiental”.
Tamén tivo palabras o secretario xeral dos e das socialistas para o BNG, ao que criticou polo seu “soberanismo falaz e desfasado, que nada ten que ver coas necesidades da Galicia de hoxe”.
Besteiro pechou a súa intervención denunciando o intento do PP de “silenciarnos porque nos teñen medo” e animou á militancia a transformar “a forza do partido nunha forza electoral que permita seguir avanzando”. “Lugo é clave para o futuro de Galicia. E os socialistas temos o aval do traballo feito, das políticas útiles e da presenza constante”.
O líder socialista instou á militancia a “reforzar os gobernos municipais, manter a Deputación e seguir protexendo Lugo fronte á desidia dun PP que nin entende nin defende esta terra”, concluíu.