Unha exposición amosa a arte lucense na Casa de Galicia en Madrid

LugoXa
A Xunta expón desde este martes na Casa de Galicia en Madrid a mostra Pasado-Presente-Futuro, que conmemora o 50 Aniversario da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón.
exposición Ramón Falcón en Madrid
5 Dec 2023

A Xunta expón desde este martes na Casa de Galicia en Madrid a mostra Pasado-Presente-Futuro, que conmemora o 50 Aniversario da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón. No acto de inauguración participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o director da Casa de Galicia, Javier Vázquez, e o director do centro educativo, Ramón Cabarcos, entre outros.

A exposición amosa o talento xurdido da escola de arte lucense e dá continuidade aos proxectos expositivos Cabeza, man, corazón e Futuro, levados a cabo en Lugo no primeiro semestre do ano. Preséntase como unha homenaxe a todas as persoas da comunidade educativa que percorreron as súa aulas e talleres, e está composta por obras de distinto formato dos seus titulados, hoxe profesionais das artes e do deseño.

O centro lucense é un referente para os futuros creadores galegos, ofrecendo unha formación de calidade nunhas instalacións que están sendo remodeladas co obxectivo de que sexan máis confortables, modernas, eficientes desde o punto de vista enerxético e respectuosas co medio ambiente.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades inviste máis de 1 millón de euros na rehabilitación integral da sede, que constitúe unha notable mostra da mellor arquitectura feita na cidade no último terzo do século XX. A escola tamén foi pioneira en ofertar ciclos plurilingües nas ensinanzas artísticas; o pasado curso implantou a modalidade en Serigrafía de grao medio e este ano incorporou tamén o ciclo plurilingüe do grao superior en Fotografía; en ambos casos optaron polo inglés como lingua estranxeira para o seu desenvolvemento.

Ademais, imparte as especialidades de Deseño de interiores, Deseño gráfico, Cerámica e Gravado. Os representantes da Xunta gabaron estes e outros aspectos da escola que “acreditan a calidade da súa oferta”. Ao respecto, o delegado da Xunta lembrou que Galicia reivindica que na nova Lei de Ensinanzas Artísticas do Goberno do Estado estas ensinanzas superiores obteñan o mesmo recoñecemento académico que os estudos universitarios.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18611192703247