Unha exposición itinerante que aborda os desafíos da Axenda Urbana de Lugo recorrerá diferentes barrios da cidade
O Goberno de Lara Méndez organiza unha exposición itinerante que aborda os desafíos da Axenda Urbana de Lugo, co obxectivo de que a cidadanía coñeza e sexa partícipe das actuacións que se van a impulsar no municipio a través do Plan de Acción, que constitúe a folla de ruta para acadar unha cidade máis sostible, integradora e resiliente de cara ao 2030.
A exposición inclúe corenta paneis explicativos e estará instalada dende esta semana, na praza Anxo Fernández Gómez. Recolle os desafíos e metas que marca o Plan e como estas se van a tratar de alcanzar na cidade, a través de diversas accións nas que xa se está traballando desde o Concello e que abarcan áreas como urbanismo, vivenda, mobilidade, ou cambio climático, entre outros. “O obxectivo da mostra, que viaxará por diferentes prazas e barrios da cidade é achegar á cidadanía os compromisos que se van a impulsar en Lugo aliñados coa estratexia do Plan da Axenda Urbana 2030 de Lugo” apuntaba a rexedora, quen inaugurou este xoves a mostra.
Tras o seu paso pola praza Anxo Fernández Gómez, continuará pola praza Augas Férreas, a praza Agro do Rolo, a praza Fonte dos Ranchos e o Barrio Sagrado Corazón.
Con esta acción, o Goberno de Lara Méndez busca trasladar aos veciños e veciñas os obxectivos que marca a estratexia ‘Lugo Cidade Verde’, un documento que responde o cumprimento dos compromisos internacionais adoptados de conformidade coa Axenda 2030.
Contido da mostra
Durante a inauguración, Lara Méndez explicou que “a exposición inclúe actuacións xa finalizadas, as que están en obras e as que planificamos. Non están todas as que fixemos, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da vía XIX, Tanxurela, a senda Verde Ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte...), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques...) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (co Museo da Romanización, Caldas do Miño e a Fábrica da Luz como proxectos claves)”.
Lugo Cidade Verde
A Axenda Urbana Española (AUE) é un documento estratéxico, sen carácter normativo, e por tanto de adhesión voluntaria, que, de conformidade cos criterios establecidos pola Axenda 2030, a nova Axenda Urbana das Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano.
Constitúe, ademais, un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.
O Plan de Acción da Axenda Urbana 2030 de Lugo, baixo o paraugas da marca “Lugo Cidade Verde” foi seleccionado para o seu desenvolvemento polos fondos Next Generation.