Unha gala solidaria en Lugo apoia ás “13 de Lugo” tras as protestas en La Vuelta

O club Clavicémbalo acollerá este venres, 23 de xaneiro, a partir das 20:30 horas, a primeira gala musical solidaria en apoio ás coñecidas como “13 de Lugo”, un acto que nace coa vontade de amosar respaldo ás persoas que se manifestaron durante o paso de La Vuelta a España por Monforte e O Corgo contra a presenza do equipo Israel–Premier Tech.
A iniciativa reunirá sobre o escenario a grupos e solistas galegas que queren expresar o seu apoio ás mobilizacións que cuestionaron o uso do deporte como ferramenta de branqueamento dun xenocidio e denunciaron a complicidade institucional ante esta situación. Desde Lugo por Palestina subliñan que aquelas protestas foron un exercicio lexítimo e necesario, cun impacto que acabou contribuíndo á posterior disolución do equipo israelí tras a retirada dos seus patrocinadores.
No contexto destas mobilizacións desenvolvidas na provincia de Lugo, trece persoas foron identificadas, algunhas delas detidas, e actualmente atópanse inmersas en procedementos xudiciais. Ademais, enfróntanse á posibilidade de sancións económicas que, no seu conxunto, poderían acadar os 65.000 euros.
Desde o colectivo Lugo por Palestina destácase o compromiso histórico do mundo da arte coa loita pola liberación do pobo palestino, un vínculo que nesta ocasión se materializa nunha gala solidaria que busca apoio social, político e económico para as persoas afectadas.
O evento contará coa participación de Nebra, Filophóbicas, Conducto Coloquio, Laura LaMontagne, Manu KasoAparte, Punk’on Queixo, Circuncisión Total e LoraHacePam, coa presentación a cargo de Raquel López.