O Corro dos Mouros de Adai: un monumento funerario da Idade de Bronce único en Galicia

LugoXa
Novos achados descubertos durante as escavacións dirixidas por Pilar Preito, investigadora dos grupos EcoPast e Cispac da USC, na roda de Adai, tal e como se coñece o xacemento do Castrillón ou Corro dos Mouros, descuberto o século pasado na parroquia de Santa Madalena de Adai do concello de Lugo, constatan o carácter monumental dun recinto cerimonial.
corro_dos_mouros_adai
4 Feb 2024

Novos achados descubertos durante as escavacións dirixidas por Pilar Preito, investigadora dos grupos EcoPast e Cispac da USC, na roda de Adai, tal e como se coñece o xacemento do Castrillón ou Corro dos Mouros, descuberto o século pasado na parroquia de Santa Madalena de Adai do concello de Lugo, constatan o carácter monumental dun recinto cerimonial. O conxunto arqueolóxico, que estivo vinculado co mundo funerario e é único en Galicia, situase a cabalo dos últimos anos da Idade de Bronce e os comezos da Idade do Ferro.

As escavacións practicadas serviron para constatar a conservación dun parapeto, unha construción integrada por un muro de pedra de case dous metros de altura que ten reforzada a súa cara exterior por unha deposición de xabre de case 3 metros de anchura, ademais dun foxo exterior. Alén destas observacións, a tamén profesora da área de Arqueoloxía da USC sostén que as principais novidades das pescudas practicadas no Corro dos Mouros, son as que apuntan ou, cando menos, suxiren a posibilidade de que o citado parapeto contaba cunha cuberta, a xeito dunha especie de coiraza de seixo que facía visible a edificación desde lonxe, ao tempo que reforza o efecto de monumentalidade da roda.

A segunda das achegas máis relevantes salientadas por Prieto responde ao achado no interior da roda dunha lousa de case 1 metro cadrado, a carón dunha ola que se conserva completa e que foi colocada de pé moi coidadosamente. Este descubrimento, que ata o momento, constitúe un rexistro único en Galicia, pode interpretarse como un acto ritual fundacional, apunta. “A nosa hipótese suxire que o xacemento, que se encadra na dinámica de escala europea xeral, constitúe recinto cerimonial vinculado co mundo funerario”, afirma Prieto, que defende a necesidade de continuar cos traballos de escavación para poder definir adecuadamente a súa función deste conxunto.

Relevancia patrimonial

O Corro dos Mouros de Adai sitúase nun espazo patrimonial de primeira orde no rural de Lugo, no que cómpre destacar a existencia de petróglifos e, sobre todo, a presenza dunha cabana alongada prehistórica escavada en granito, tipo longhouse, única en Europa. O castro de Penarrubia, que se atopa a escasos 500 metros de distancia do Corro dos Mouros, reforza aínda máis a relevancia patrimonial e a importancia deste enclave, sinala Prieto, que considera ademais que estes dous xacementos poderían estar relacionados no tempo e no seu uso.

Os traballos realizados o verán pasado polos investigadores da USC xunto con Tempos Arqueólogos S.L. neste enclave da contorna rural de Lugo posibilitaron identificar as fase da construción deste recinto arqueolóxico, así como o seu uso e mesmo o abandono do sitio, segundo se desprende do informe valorativo depositado en decembro e no que se recollen resultados preliminares. As tarefas de escavación ofreceron aos investigadores implicados neste proxecto importante información para afondar no coñecemento e na comprensión dos xacementos tipo roda que é “a denominación máis apropiada para este tipo de enclaves”, sostén Pilar Prieto.

0.1385281085968