Unha investigadora iraquí pescuda en Lugo os factores de emisión de metano en gando leiteiro

LugoXa
Os profesores na Facultade de Veterinaria da USC Cristina Castillo e Rodrigo Muiño supervisan o traballo desenvolvido por Ghasaq Sami Mshary nun pioneiro proxecto de I+D sobre os efectos do cambio climático no benestar do gando e respecto da emisión de gases de efecto invernadoiro en granxas de vacún de leite de alta produción.
investigadora irani emision metano
4 Dec 2023

Os profesores na Facultade de Veterinaria da USC Cristina Castillo e Rodrigo Muiño supervisan o traballo desenvolvido por Ghasaq Sami Mshary nun pioneiro proxecto de I+D sobre os efectos do cambio climático no benestar do gando e respecto da emisión de gases de efecto invernadoiro en granxas de vacún de leite de alta produción.

Os efectos do cambio climático no benestar do gando e a implicación das explotacións de vacún de leite de alta produción no actual escenario de emisión de gases de efecto invernadoiro a atmosfera constitúen incógnitas globais ás que a comunidade científica trata de dar resposta, tal e como é o caso da profesora iraquí Ghasaq Sami Mshary, procedente da Universidade de AL_Muthnna, que está a completar unha estadía de investigación na Facultade de Veterinaria do Campus Terra a USC para afondar no estudo e na definición dos factores de emisión de metano entérico en gando leiteiro de Galicia.

A liña de traballo que ocupará ata final de ano na sede universitaria luguesa a Ghasaq Sami Mshary encádrase nun proxecto de investigación liderado por Rodrigo Muiño Otero sobre os efectos do cambio climático no benestar animal, así como respecto da valoración e cuantificación da implicación das explotacións bovinas leiteiras de alta produción no que atinxe a emisións de gases de efecto invernadoiro. Daquela, este docente da área de Cirurxía Animal da USC, xunto coa catedrática desta mesma área na Facultade de Veterinaria Cristina Castillo, son os responsables da supervisión e coordinación das pescudas que acaba de comezar a investigadora iraquí e que, previsiblemente, culminarán na futura presentación dunha tese de doutoramento.

A investigación en curso, explica o profesor Muiño Otero, constata que o sector vacún leiteiro constitúe unha ferramenta cohesionadora do campo galego que non se pode obviar e aspira a achegar resultados para responder ás acusacións que responsabilizan ás explotacións intensivas leiteiras de bovino do quecemento global por ser un dos principais focos de emisión antropoxénica de metano.

Fronte a estas críticas ao vacún de leite, un sector inmerso en constantes retos, tal e como o que supoñen os prolongados períodos de seca ou incremento no prezo dos cereais, o proxecto de tese de doutoramento agora iniciado por Ghasaq Sami Mshary baixo a dirección de Rodrigo Muiño e Cristina Castillo , desenvolverá un modelo capaz de presaxiar o cálculo dos factores de emisión de metano entérico en explotacións de vacún de leite de alta produción leiteira localizadas en Galicia, coa finalidade de poder rexistrar así as emisións de gases con efecto invernadoiro (GEI).

A partir dos datos obtidos, engade Rodrigo Muiño, poderanse establecer medidas correctoras de acordo aos criterios establecidos pola COP-27 celebrada en novembro de 2022 en Exipto, e en liña cos criterios establecidos polo Panel Intergobernamental para o cambio Climático (IPCC), unha asociación de referencia a nivel mundial.

O alcance desta aínda nova liña de investigación comezada no Campus Terra da USC non é menor, segundo indica Rodrigo Muiño, quen, se ben recoñece que xa son moitos os países que desenvolveron estudos deste tipo, apunta que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma de España que activa ferramentas ou estudos para medir as emisións de metano en gando vacún. Este investigador da Facultade de Veterinaria de Lugo agarda ademais que os resultados obtidos nesta investigación posibiliten estender este tipo de valoracións a outros ruminantes.

0.2033360004425