Unha linguaxe case universal da man da nova sinalización que entrará en vigor en 2023

LugoXa
Unha linguaxe case universal da man da nova sinalización que entrará en vigor en 2023 e que repasamos con José Montes
Jose Montes asociacion autoescolas
15 Ago 2023

José Montes é o presidente da Asociación Galega de Autoescolas en Lugo, quen nos amosa a súa visión desta sinalización.

O pasado 2 de xaneiro entrou en vigor o proxecto do Real Decreto para modificar e actualizar o Reglamento Xeral da Circulación, que inclúe a modificación, actualización e renovación de sinais de tráfico, co fin de adaptarse ás novas circunstancias de mobilidade e das sociedades das cidades actuais, nas que peóns e vehículos teñen que convivir, cada vez máis, en harmonía.

Así, eliminaranse sinais que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) considera inservibles, actualizaranse outras cambiando de deseño ou de topografía e incorporaranse tamén algunhas sinais que ata o de agora non estaban presentes nas diferentes vías de circulación pero que agora, cos novos cambios sociais, son necesarias.

Unha das novidades desta iniciativa é que a nova sinalización ampliará o seu campo de actuación, estendendo estas a toda a rede de estradas do país, mentres que cumpre o obxectivo de mellorar a seguridade dos usuarios nas vías, así como facilitar a visibilidade e a comprensión das mensaxes dos sinais.

Os sinais novos e actualizados serán unha realidade nas cidades e nas vidas dos conductores e peóns.

Estes cambios non se introducirán aínda, xa que entrou en vigor o proxecto do Real Decreto, pero aínda non se aprobou o cambio do Reglamento Xeral da Circulación, que se leva a cabo a través dunha lei orgánica. Cando se aprobe e se publique esa lei orgánica no Boletín Oficial do Estado, ademais, tardará tres meses en entrar en vigor, tal e como defende José Montes, presidente da Asociación Galega de Autoescolas (Agada) desde novembro de 2021.

Nesta asociación, o obxectivo, tal e como explica o lugués Montes, “é defender os intereses comúns das autoescolas e, no día a día, é estar en contacto coas xefaturas provinciais de tráfico para comunicarlles os cambios que hai”. Na súa opinión, é algo “positivo que se actualizar as sinais”, xa que “se se actualizan as normas, téñense que actualizar tamén as sinais, que sempre quedaron nun segundo plano e hai algunhas antiguísimas, como a sinal do paso a nivel con barreiras, que a cancela que aparece aí, hoxe en día, non ten sentido”, argumentou.

Os sinais que máis afectarán á vida dos lugueses

Segundo o presidente da Asociación Galega de Autoescolas, “todos os cambios son para ben” no caso desta renovación dos sinais de tráfico, pero hai algunhas que destacou. Por exemplo, a do xabaril, xa que ese animal “está por todos lados en Galicia e é moi importante que se saiba nos tramos onde hai máis, aínda que nunca é suficiente”, defendeu José Montes.

Por outra parte, comenta que en Lugo cidade está moi á orde do día a sinal dos patinetes eléctricos, así como o resto de sinais que se refiren a este vehículo e á bicicleta, como a do carril bici, que “agora temos un en Lugo e é importante sinalalo”, comenta. “Cada vez hai máis carril bici e a min paréceme ben porque é un vehículo alternativo que contamina menos e que ademais é moi saudable”.

Como novidade, o sinal R-120 indica o acceso a Zonas de Baixas Emisións, que se programou para cidades de máis de 50.000 habitantes, polo que Lugo será a única localización da provincia que se aterá a esta nova estrutura de circulación. Así, será o recinto interior da Muralla o que prohibirá o paso a coches que non leven a etiqueta B, C, ECO ou 0 Emisións.

“A intención é que as cidades teñan menos contaminación, polo que me parece ben, os vehículos teñen que existir, pero antes existimos as persoas e hai que haber un equilibrio”, explicou José Montes. No caso de non ter esta etiqueta e entrar no casco histórico lucense, os condutores poderán ser multados cunha sanción de 200 euros.

Sinais que necesitaría Lugo

Cada lugar, xa sexa cidade, vila ou aldea, ten a sinalización que lle corresponde segundo as necesidades da sociedade que vive nela, xa que non é o mesmo entrar na parroquia de Ponte de Louzara en Samos que en Viveiro, polo que a sinalización para a boa circulación de vehículos en convivencia cos peóns depende do tipo de vida das súas xentes.

No caso de Lugo cidade, hai moitos sinais que determinan o tráfico, pero, segundo a opinión do presidente da Asociación Galega de Autoescolas en Lugo, José Montes, Lugo necesitaría rotondas sinaladas, é dicir, as famosas turborrotondas, xa que as rotondas en Lugo “son un gran problema”, tal e como apuntan moitos habitantes e sinala o presidente da Asociación Galega de Autoescolas en Lugo, José Montes.

Algúns apuntan ao mal uso que se fai delas por descoñecemento, por falta de interese, por falta de civismo... pero Montes apunta a que a Lugo as rotondas chegaron máis tarde que a outros lugares, polo que “ese feito acrecentou a problemático do mal uso das mesmas”.

Así, apunta a que é “sinxelo, aínda que ás veces a xente non interpreta ben as cousas”, di con respecto a que non saen ben da rotonda. Explica que, “fóra de poboado, circúlase pola dereita, e se é dentro, poderías circular indistintamente, pero nunca podes saír do carril esquerdo cara a saída da dereita. A rotonda é redonda, pero se collemos unha tixola e cortamos a rotonda e facémola unha vía recta, a ninguén se lle ocorrería ir circulando pola esquerda e querer saír desde aí a unha saída pola dereita. Nunca podes saír de dentro para fóra. Se vas utilizando o carril da esquerda adiantando e ves que vén a túa saída, das outra volta”, argumenta.

Por todo isto, Montes cre que unha forma de solucionar o problema sería instaurar en zonas concretas de Lugo que suman varios accidentes ao ano, como as do alto de Garabolos, as rotondas sinalizadas horizontalmente e cun sinal vertical específico destas glorietas, que xa están implantadas en outras cidades galegas, como Vigo.

Novas necesidades, novos sinais

Actualización e aparición de novos sinais

O cambio na sinalización da circulación, tal e como explica Ana Blanco, subdirectora adxunta de Circulación na DXT,  ten como finalidade adaptarse á mobilidade de hoxe, adecuando aspectos de sinalización a cambios no ámbito da mobilidade, sobre todo con respecto ás modificacións da tecnoloxía dos vehículos, como os patinetes eléctricos, presentes xa asiduamente na nosa vida.

Ademais, esta sinalización tamén ten como obxectivo mellorar a comprensión das sinais por parte de todos os usuarios das vías para garantir a seguridade viaria e os desprazamentos eficientes.

Desta maneira, “a sinalización será o instrumento básico para a seguridade viaria, de forma que transmita información de forma sinxela sen xerar mensaxes ou significados confusos”, como sinalan os principios da Convención de Viena.

Por último, outro obxectivo que ten este novo cambio é unificar a sinalización urbana, xa que anteriormente cada cidade tiña aprobada unhas sinais, é dicir, cando un responsable autonómico vía unha necesidade de sinalización no seu lugar de actuación, ideaba un sinal propio e distinto á doutros municipios.

En total, a Dirección Xeral de Tráfico introduce arredor de 130 modificacións, que se refiren a introducións de novas sinais, actualizacións de sinais en canto á súa tipografía, tamaño e deseño; e tamén desaparecen algúns sinais. Aquí trataremos os máis novidosos e os que formarán parte da nosa vida diariamente.

Algúns dos sinais que desaparecen:

  • Sinal R-308a, que prohibía estacionar os días impares.
  • Sinal R-308b: que prohibía estacionar os días pares.

Algúns dos novos sinais de tráfico:

  • Sinal S-1b, que indica o principio dunha estrada con varios carrís.
  • Sinal S-1c, que sinala o principio dunha estrada 2+1, é dicir, a que consta de tres carrís de circulación e permite a circulación en ámbolos dous sentidos.
  • Sinal S-45, que mostra que hai un carril bici nunha zona urbana.
  • Sinal S-46, que sinala un paso de peóns compartido con ciclistas.
  • Sinal R-118, que prohibe a circulación de patinetes eléctricos.
  • Sinal R-119, que non permite a circulación de patinetes eléctricos e bicicletas.
  • Sinal R-120, que indica unha Zonas de Baixas Emisións (ZBE) para prohibir a entrada e circulación a vehículos en función do seu distintivo ambiental (B, C, ECO ou 0 Emisións).
  • Sinal R-420, que apunta a unha vía reservada para patinetes eléctricos e os usuarios destes vehículos deben circular por ela.
  • Sinal R-421, que ordena aos patinetes eléctricos e ás bicicletas súa circulación por ela de maneira compartida.
  • Sinal R-422, que obriga aos condutores dun vehículo de mobilidade persoal, patinetes eléctricos, bicicletas ou monociclos, a baixarse e andar ata que a sinal se anule.
  • Sinal P-1, que avisa dun perigo pola proximidade dun tramo no que existen varios accesos directos á vía.
  • Sinal P-20c, que indica a presenza dun paso para peóns e ciclistas.
  • Sinal S-63b, que sinala unha bifurcación no centro dunha calzada de tres carrís do mesmo sentido, dando lugar a catro carrís, dous do lado esquerdo e dous do lado dereito para que os condutores poidan situarse con antelación no carril máis axeitado ao seu destino.

Algúns dos sinais que cambian de deseño:

  • Sinal R-2 STOP, que cambia a súa tipografía para aparecer máis grande e así mellorar a visibilidade.
  • Sinal P-8, que anuncia un paso a nivel sen barreiras e cun deseño máis moderno da locomotora.
  • Sinal P-20a, que indica a proximidade dun paso de peóns nunha sinal triangular vermella.
  • Sinal P-21, indica perigo por proximidade dun lugar frecuentado por nenos, na que a sinal puxo á figura feminina por diante do neno, como garante de igualdade.
  • Sinal P-21b, que indica perigo por proximidade de zona na que circulan persoas maiores, e neste caso é o mesmo que a anterior, cambia a orde de colocación das persoas, pasando a figura feminina adiante e a masculina detrás.
  • Sinal P-22a, que mostra un paso para ciclistas e alerta da existencia de perigo.
  • Sinal P-24a, que se refire á presenza de animais na calzada, que antes estaba representada cun cervo e agora cambiouse a un xabaril por ser o animal que máis aparece nesas zonas.
  • Sinal P-33, que indica un tramo de visibilidade reducida, unha sinal na que se verá un coche penetrándose en zona de visibilidade reducida.
  • Sinal P-35, que advirte da proximidade unha bifurcación na que os vehículos cruzan as súas traxectorias.​
  • Sinal S-47, que indica unha zona de circulación que está destinada en primeiro lugar aos peóns e na que se as normas de velocidade máxima de vehículos de 20 km/h, a circulación será compartida entre vehículos, ciclistas e peóns, pero estes últimos teñen prioridade; e os xogos y deportes non están autorizados.
  • Sinal S-992e, informa da distancia mínima entre vehículos que hai que manter mediante balizas luminosas nun tramo onde se perde a visibilidade.
sinais trafico
0.19602394104004