Unha mostra amosa en Lugo 250 pezas dos catro centros oleiros da provincia

LugoXa
‘Conciencia dunha tradición.
22 Feb 2024

‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ amosará no Vello Cárcere, dende o 29 de febreiro ata o 17 de maio, unha selección de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega

A olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós tomará maior protagonismo que nunca na cidade. A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou a nova exposición que ocupará o espazo expositivo do Vello Cárcere. Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós amosará, dende o 29 de febreiro ata o 17 de maio, unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia de Lugo.

Maite Ferreiro indicou que esta mostra permite ofrecer, con enfoque máis ben científico, “unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza”, todo froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC, aclarou a concelleira.

Na exposición que reflectirá as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, “valorarase a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas”, explicou Ferreiro. Ademais, a mostra contará con paneis informativos que proporcionarán a máxima información a todas aquelas persoas que se acheguen a visitar a exposición, con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico.

Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ disporá tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollerán todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.

0.16503310203552