Unha mostra amosa o Lugo dos anos 70 con fotografías de José Luis Vega
A Xunta de Galicia expón unha escolma de fotografías de José Luis Vega que percorren a década dos anos 70 do pasado século, ofrecendo unha panorámica das xentes, o urbanismo ou a situación económica e social de Lugo naquela época. A mostra A cidade e as xentes prolongarase ata o mes de outubro e consta de dúas partes diferenciadas. A Biblioteca Pública Provincial rescata as imaxes relativas ao período 1970-1975, que hai un ano expuxera o Arquivo Histórico Provincial, mentres este acolle desde marzo as correspondentes á etapa entre 1975-1979.
Ambos son centros xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e comparten o mesmo edificio aínda que con accesos independentes, o que confire continuidade á exposición. Todas as fotografías pertencen ao fondo de José Luis Vega que posúe o Arquivo Histórico Provincial, que pecha así o ciclo cronolóxico que viña programando coa obra do famoso fotógrafo desde 1940.
José Luis Vega exerceu a súa profesión en Lugo ao longo de 40 anos, tanto na rúa como en estudo. O Arquivo Histórico custodia máis de 300.000 negativos que recollen actos sociais e institucionais, retratos ou manifestacións relixiosas, entre outras. Javier Arias explicou que as imaxes de Vega, que tamén realizou un papel fundamental como reporteiro gráfico, constitúen “documentos históricos excepcionais que permitirán aos lucenses e a todos cantos nos visitan no verán coñecer a evolución da cidade no último medio século”.