Unha nova mostra do Museo de Lugo reivindica a creación feminina galega dos séculos XX e XXI
Este xoves inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición As 7 e 7, con obras de Andrea Otero, Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmáns Noa e Lara Castro Lema. Trátase dunha serie de artistas galegas emerxentes que achegan á mostra cadansúa obra, realizadas a partir de pezas de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso, María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro, que forman parte das coleccións e exposicións permanentes do museo.
Cada nova obra exponse a carón da peza referente, xerando unha mostra colectiva que visibiliza artistas que dan os primeiros pasos no mundo artístico, a carón doutras consagradas, poñendo en valor a creación feminina galega ao longo dos séculos XX e XXI. A exposición culmina o proceso creativo que as artistas iniciaron hai un mes, cunha visita ao Museo Provincial de Lugo na que elixiron a obra que tomarían como referencia. O proxecto, comisariado por Sergio Marey, pretende incidir tamén na educación na arte, especialmente no relativo a arte das creadoras contemporáneas
Con esta vontade educativa e divulgativa, ao longo do mes de marzo organizaranse os obradoiros Vendo como ver ou Vexo, vexo que ves sobre a linguaxe e as técnicas da arte contemporánea, visitas guiadas e mesa redonda coas artistas As Mulleres na Arte: retos e dificultades, que estará moderada por Mónica Alonso.