Unha nova normativa rexe no mercadillo de Frigsa de Lugo para poder vender
Dende o martes 23 de abril, o Concello de Lugo aplica unha nova normativa para os feirantes que acoden no mercadillo de Frigsa. Deste xeito, dende a Concellería de Participación Cidadá e Servizos á Veciñanza pretenden regularizar a actividade comercial, asegurar que o que se venda está legalizado e conta cos permisos necesarios e optimizar os espazos públicos.
Tras os cambios decretados, 104 vendedores, principalmente, de roupa, calzado e outros produtos téxtiles, aínda que tamén de alimentación, decidiron renovar a súa autorización para montar os martes e venres. Quedan libres 27 e sobre unha decena non obtiveron a documentación requirida. Ademais de actualizar a autorización, agora os comerciantes teñen que pagar a taxa correspondente antes de montar o seu posto, cuxo importe ascende aos 2,16 euros por metro cadrado e día.
Os permisos concédense por un período dun ano, aínda que se poden prorrogar de maneira automática se non existe desacordo por algunha das partes. Ademais, tal e como se recolle na Ordenanza municipal da venda ambulante do Concello de Lugo, no caso de ter pechado o posto durante oito días de mercado seguidos ou doce alternos durante tres meses, deberán renovar a autorización agás que o adxudicatario xustifique a súa imposibilidade de abrir.
En previsión da nova asignación de postos e do maior control, dende o Goberno local intensificaron a supervisión na zona a través dun dispositivo especial de vixilancia programado na xornada na que as modificacións entraban en vigor. Por outra banda, nas últimas semanas, é habitual que varios vendedores ambulantes sen licenza se instalen en plena rúa, concretamente na avenida da Coruña, á entrada do parque, dende primeira hora da mañá ata que se achegan as autoridades para proceder ao seu desaloxo.