Unha nova xuntanza da Comisión de festas para o San Froilán aproba as propostas de pregoeira e oferente a Rosalía

LugoXa
Unha nova xuntanza da Comisión de Festas valorou os avances realizados de cara á organización do San Froilán 2022.
Reunion comision festas san froilan
7 sep 2022

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Comisión de Festas, onde o conxunto da Corporación Municipal valorou os avances realizados de cara á organización do San Froilán 2022.

Maite Ferreiro anunciou que a comisión de festas aprobou por unanimidade que a xornalista Esther Eiros sexa a pregoeira desta edición das festas, mentres que a poeta Olga Novo será a oferente a Rosalía.

A concelleira de Cultura anunciou tamén os dous primeiros concertos do San Froilán 2022, confirmando a Treixadura dentro da xira do 30 aniversario da formación, Camiño Longo, que estará na praza Horta do Seminario o 12 de outubro ás 22.00. Ademais, Ferreiro confirmou o show Un país para escucharlo, a cargo de Ariel Rot e Kiko Veneno, que terá lugar o 11 de outubro tamén ás 22.00.

A comisión de Festas está composta por 8 integrantes, 3 en representación do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.

Camiño Longo de Treixadura

Treixadura celebra no ano 2022 o seu 30º Aniversario presentando un novo disco, e o mellor xeito de festexalo é con todo o seu público; tódolos miles de seguidores que ao longo destas tres décadas os acompañaron de xeito incondicional. O grupo de gaiteiros que formaron Treixadura no 1990 poden ver, 32 anos despois, como o seu proxecto de música tradicional chegou a converterse nunha auténtica institución na Galiza.

Dende 1990 Treixadura constitúe un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.

Durante este tempo o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, pero sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando  elevar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.

Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.

Foron anos de gravacións e concertos, 8 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas con outros artistas, como Rodrigo Romaní, Kepa Junkera, Leilía, Quico Cadaval, Tanxarina, Donicelas ou Pedraquetiña, e compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas de música populares; que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e cancioneiros... son e serán a inspiración da música de Treixadura.

Treixadura ao vivo constitúe un gran espectáculo de luz e son con 16 artistas no escenario compartindo as súas emocións co público, ao que fai partícipe e protagonista do seu espectáculo, resultando un gran coro formado por público e artistas, intercambiando as súas emocións e gozando da forza da nosa música.

Treixadura foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, entregados en decembro de 2013, como o Mellor Grupo de Música Tradicional Galega. En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística pola súa exquisitez no tratamento musical e escénico do noso folclore e o seu traballo a prol da recuperación da música tradicional galega.

Un país para escucharlo, de Ariel Rot e Kiko Veneno

Ariel Rot e Kiko Veleno aliáronse nun singular desafío: levar o espírito dese programa aos escenarios, coa mesma vocación plural, exploradora, que tende pontes entre xéneros e xeracións para crear sintonías entre os músicos e descubrir novos talentos ao público.

No terreo estilístico, o que diferencia a Ariel Rot de Kiko Veneno é o mesmo que os iguala: a coherencia que mantiveron consigo mesmos ao longo das súas dilatadas traxectorias, así como o interese de relacionarse con outros artistas. Hoxe, esa complicidade lévaos a retomar unha vez máis a estrada para embarcarse noutra xira. Aínda que neste caso, cun cariz moi distinto.

Os shows nos que Ariel e Kiko presentan este espectáculo serán sempre diferentes: en cada cidade, en cada praza, en cada pobo, os invitados serán outros. Soarán, por suposto, versións dos grandes clásicos dos dous protagonistas, pero tamén haberá espazo para os grupos e artistas emerxentes locais, que se integrarán no espectáculo, convidados sorpresa e tempo para compartir coas público anécdotas, historias e relatos sobre as vivencias dos músicos.

Esther Eiros, pregoeira do San Froilán 2022

A xornalista Esther Eiros (Bretoña, 1946) comezou a súa actividade no ano 1970, presentando diversos programas na Radio Miramar. No 75 desprazouse a París, onde traballou como autónoma, e no 78 estableceuse en Madrid, adicándose á información política nos informativos da Radio Miramar. Entre o 81 e o 90 dirixiu diversos programas en Radio 5 e Radio Cadena Española. Desde o 1993 ata a actualidade, dirixe o programa Gente Viajera de Onda Cero, programa co que gañou a medalla de Turismo da Generalitat de Catalunya en 1992, o premio ONETE de Información Turística no 1997 e o premio APEI-PRTV da Asociación Española de Prensa, Radio e Televisión no 1998. Posúe tamén dúas Antenas de Ouro e gañou nos anos 2004 e 2006 o Micrófono de Ouro.

Olga Novo, oferente a Rosalía

A poeta da Pobra de Brollón é licenciada en Filoloxía Galega pola USC. A súa carreira literaria comezou no 1996 coa publicación do seu primeiro poemario, A teta sobre o sol.

Durante a súa carreira, publicou 5 poemarios e conta tamén con 5 ensaios publicados nos que analiza distintas facetas da literatura galega, ademais, colaborou en 16 obras colectivas con outras poetas.

A obra de Olga Novo foi recoñecida co premio Losada Diéguez de literatura no 1998, o premio Ánxel Fole de investigación no 2004, ano no que foi recoñecida tamén polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, ao adicarlle esta asociación o Día da Poesía. Novo foi recoñecida tamén co premio da Crítica da poesía galega no 2011 e no 2019, o premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal no 2012, e no 2020 foi recoñecida co Premio Nacional de Poesía outorgado polo ministerio de Cultura.

0.18230080604553