Unha Oficina de Atención Cidadá e Aula Medioambiental abrirá mañá en Clérigos

LugoXa
O Concello habilita unha Oficina de Atención Cidadá para canalizar as demandas relacionadas coa limpeza viaria e a recollida de lixo
Oficina de Atención Cidadá de Ecolugo
6 Feb 2023

Lugo contará dende mañá cunha nova oficina de atención cidadá para canalizar as demandas en materia de limpeza viaria e recollida de lixo, o local, sito na rúa Clérigos, permanecerá operativo de luns a venres, en horario de 09:00 a 13:30 e de 15:30 a 18:15 horas.

“O obxectivo é ofrecer un lugar de referencia, estreitando as relacións coa veciñanza e gañando en proximidade, para que os e as lucenses saiban onde acudir cando queren comunicar algunha petición ou realizar algunha suxestión relacionada con este servizo que, dende o Executivo, consideramos esencial tanto no que ten que ver coa súa incidencia na calidade de vida e o benestar da poboación como coa imaxe que ofrece a capital”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaron esta mañá o estado do cuarteliño, que se suma aos que xa están en funcionamento en San Isidro Labrador, Catasol e Río Ser.

A rexedora explicou, así mesmo, que a sede do Centro Histórico servirá, a maiores, como Aula Medioambiental “coa finalidade de fomentar, dende ela e a través de diferentes actividades e iniciativas, unha maior concienciación e implicación da sociedade no coidado e conservación do municipio, creando unha comunicación máis fluída entre Administración e administrado”, sinalou Méndez.

A este respecto, a alcaldesa recordou que, dende a chegada da nova empresa concesionaria, os e as lucenses dispoñen dun número de teléfono gratuíto (900 909 671) que poden empregar para trasladar todas as incidencias que estimen oportuno. “O proceso de escoita é permanente, como tamén o é a nosa disposición a atender e dar resposta ás solicitudes que nos remiten dunha forma áxil e eficiente”, engadiu Lara Méndez.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa e concelleiro responsable de área lembrou que, entre outros cometidos, estes cuarteliños sirven como centro neurálxico para a organización das brigadas que asumen as tarefas de aseo da cidade nos diferentes distritos.

“Son dependencias cunha boa capacidade de almacenaxe que contribúen a acadar un maior rendemento da maquinaria, en tanto acurtan os desprazamentos dos equipos que son utilizados nas contornas próximas, ao tempo que permiten ao persoal dotarse do material que precisan en cada quenda para acometer as tarefas que teñen encomendadas, diminuíndo o traxecto que deben percorrer para chegar aos puntos de actuación e rendibilizando a xornada laboral cunha maior comodidade para eles”, explicou Miguel Fernández.

O edil deu conta tamén de que as instalacións foron acondicionadas para permitir a carga da maquinaria lixeira que se está renovando na súa totalidade – así como a flota do parque móbil – con criterios de sostibilidade e aforro enerxético.

0.13904619216919